A Casa de Cultura Castelao ofrece a primeira exposición de debuxo de este mozo nacido en Soutelo, no que significa o seu “espertar” artístico
Salceda de Caselas, 06 de xullo 2016
A Casa da Cultura Castelao, de Salceda de Caselas, acolle ata o 15 de xullo a primeira exposición de debuxo de Samuel Rodríguez, un mozo nado en Soutelo cun extraordinario talento en artes plásticas, capaz de desvelar as paisaxes do seu interior a través dos seus debuxos.
Aínda que a exposición, que inclúe 20 traballos, non ten un título concreto, podería denominarse “espertar” por tratarse da primeira vez que podemos ver publicamente traballos reservados a ambientes máis íntimos e porque moitos dos trazos foron creados partindo de imaxes que Samuel puido lembrar ao espertar dun soño ou pesadelo.
A exposición abriuse o pasado día 1 e recibiu boa acollida polo público que, por regra xeral, se asombra da calidade técnica dos traballos a pesar da curta de idade do autor -tan só ten 18 anos- e de que se atopa nos períodos iniciais da súa formación artístisca.
Con todo, o debuxo é unha capacidade innata en Samuel Rodríguez, que leva toda a vida pintando. Comezou con só 2 anos, asombrando á súa familia e persoas máis próximas, e dende alí comezou unha constante carreira en busca da perfección, pero á vez “unha forma de expresión para arroxar fora os medos, a necesidade de desafogo ou poder transmitir sentimentos”, como el mesmo recoñece. Foi nos tres últimos anos cando o autor identificouse plenamente coa súa obra, intensificou o ritmo de traballo e grazas a iso pode presentar esta mostra.
Imaxes dos seus propios pesadelos
Nos debuxos que poden verse na Casa de Cultura Castelao aparecen os temas máis recorrentes de Samuel Rodríguez, como as imaxes dalguns dos seus pesadelos.
Nalgunhas pezas xoga un papel importante a mitoloxía ou a astroloxía e tamén inspiracións baseadas nalgún libro, relato ou película.
“Sempre tratei de que estas ideas reflectiran algúns dos meus sentimentos mais íntimos, os meus medos máis inconfesables ou as miñas grandes frustracións, de aí ese simbolismo que considero que hai en todo o que fago. Ata o mais mínimo detalle ten un significado oculto”, explica o autor.
A súa obra tamén reflicte unha gran sensibilidade o cal é, segundo di, un dos seus obxectivos. “A miña intención é transmitir, transcender, que os demáis sintan determinadas cousas cando ven os meus debuxos. Quero sacar todo o que levo dentro para que os demáis sintan tamén. De aí o meu intento de que en cada debuxo estea presente a sensibilidade, a expresividade, a teatralidade..”
A concelleira de Cultura, Teresa Pérez, convida a todos/as os/as veciños/as e visitantes de Salceda a contemplar a obra deste artista, que aínda nos seus inicios, ofrece unha calidade fóra de toda dúbida. A mostra pode verse de luns a venres de 8,30 a 20,30 horas.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, amosouse moi orgulloso deste salcedense, do cal afirmou “estou seguro que lle espera unha longa carreira artística, polo seu talento e o seu afán de superación”.