O Concello de Salceda levará a cabo as obras de construcción da primeira fase da construcción dunha área recreativa na rúa Mártires de Sobredo, enfrente ao novo centro de saúde que a semana próxima entrará en funcionamento. O proxecto, que conta con un orzamento de 39.612,48 €, estará financiado con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
A intervención proposta recuperará a parcela existente, ademais da creación dunha área recreativa sostible, dotada de elementos para ocio encamiñada a persoas de entre 8 e 14 anos de idade. Crearase un circuito de ocio e lecer e acondicionarase a área delimitada, eliminando vexetación, regularizando a superficie da parcela, e instalando mobiliario urbán.
Sen dúbida o maior atractivo para a rapazada será a tirolina de máis de 20 metros que se instalará na zona, e que xunto coa pirámide de escalada de máis de 3 metros de altura, a instalación de mesas e bancos de pedra, unha fonte e os aparcadoiros de bicis e patinetes formarán unha zona de ocio da que disfrutarán moitos dos rapaces e rapazas de Salceda.
Esta actuación dá resposta ás solicitudes realizadas en moitas ocasións polos nenos e nenas, que ansiaban contar con un espazo acorde ás súas idades e que agora se verá feito realidade. Nunha segunda fase engadirase nesta zona a construcción dun skate de obra, e o equipo de goberno traballa xa nunha pista multideporte que se poderá crear unha vez se desenvolva o Peri UE -2. Non podemos esquecer que Salceda é un dos Concellos galegos cunha maior taxa de natalidade e cunha menor idade media, polo que resultan fundamentais as actuacións encamiñadas aos nenos e nenas, intentando abarcar as diferentes idades en cada un dos espazos creados.
Miguel González, Concelleiro de parques e xardíns: “Con esta actuación ampliamos os espazos de ocio e lecer, nesta ocasión nunha nova zona do casco urbano que a partires da vindeira semana contarán con gran afluencia de visitas pola apertura do novo centro de saúde”
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Seguimos a crear novas zonas verdes e novos espazos abertos, que neste momento se fan máis importantes que nunca. Nesta nova normalidade resulta fundamental que as administración ofrezamos novos espazos abertos onde a veciñanza poida pasear e descansar con tranquilidade”
Gabinete de prensa, 1 de xullo de 2020