O Concello de Salceda de Caselas está a rematar a adecuación de novas zonas de aparcamento detrás da Praza de Abastos. Os novos espazos, que suman un total de 2.270 metros cadrados e supoñen a creación de máis de 50 novas prazas de aparcamento gratuíto en pleno casco urbano, estarán dispoñibles para ser usados xa nestes días de Entroido, en que afluencia a Salceda de Caselas se prevé multitudinaria. O proxecto levouse a cabo grazas á colaboración dos propietarios dos terreos que, en diálogo constante coas Concellarías de Tráfico e Vías e Obras, ceden o uso dos mesmos de xeito totalmente altruísta para a creación de novas prazas de aparcamento públicas.
Con estes son xa 13 os aparcamentos esparcidos por todo o núcleo urbán en zonas comerciais e administrativas. Estas áreas resultan fundamentais para a axilización do tráfico e para seguir a conseguir unha maior calidade de vida na vila.
Miguel González, Concelleiro de Vías e obras: “seguimos a ordenar un casco urbano castigado durante anos pola construción descontrolada e as rúas estreitas. Damos un paso máis no noso obxectivo de conseguir unha vila sen atrancos nin restricións”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “a colaboración da veciñanza resulta fundamental para seguir a poñer estes espazos a disposición de salcedenses e visitantes. Seguimos a mellorar a calidade de vida en Salceda, sen esquecernos en ningún momento da potenciación do comercio que se consegue con accións deste tipo”.
FOTO: Marcos Besada, Jose Luis González e Miguel González visitan a nova zona de aparcamento