O Concello de Salceda contratará, ao longo deste ano 2017, un total de 13 veciñas e veciños en situación de desemprego ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Garantindo a total transparencia e igualdade de oportunidades en todo o proceso, o Executivo Local fixo públicos os códigos das contratacións xa que, para poder acceder a un dos postos de traballo, as e os interesados terán que estar inscritos na Oficina de Emprego do Porriño co correspondente código do posto ao que queiran acceder.
As prazas que se ofertan, co seu correspondente código, son as de 1 animador/a sociocultural (37 15 10 38), 1 orientador/a profesional para a inserción (26 24 10 23), 2 albaneis (72 21 10 15), 3 persoal de limpeza ou limpador/a en xeral (92 10 10 50), 2 podador/a e/ou motoserrista profesional (64 10 140 31), 1 condutor de camión en xeral (84 32 10 42), 1 empregado/a administrativo/a en xeral e técnico/a administrativo/a en xeral (36 13 10 39). Segundo o previsto, os contratos irán dende o 1 de marzo ata o 31 de decembro de 2017.
A Concelleira de Formación e Emprego e primeira tenente de alcalde do Concello de Salceda, Loli Castiñeira, sinalaba a importancia desta nova quenda de contratacións “que contribuirán a paliar a dura situación que viven moitos dos nosos veciños e veciñas que están en situación de desemprego”.
Salientaba Castiñeira a importancia de “dar a maior publicidade posible” a estas ofertas para que, dese xeito, dixo, “ninguén quede excluído do proceso de selección”. Difundir este tipo de programas de contratación “constitúe un claro exercicio de transparencia por parte do Goberno local e un estrito cumprimento dos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade que deben rexer en calquera proceso de contratación”.