Salceda continua coa súa aposta pola cultura segura no seu Verán Cultural

A actuación de Guadi Galego, prato forte dunha variada programación cultural.

                A Concellería de Cultura e Festexos, dirixida por Alex Rodríguez ven de presentar esta mañá, acompañado pola alcaldesa Verónica Tourón a programación do Verán Cultural e as Festas do Cristo, que este ano por mor da COVID19 manteñen o formato do ano pasado, ofrecendo unha cultura segura á veciñanza.

A programación, que se estenderá dende o luns 12 ata o luns 19, está deseñada pensando sobre todo no público infantil, contando con variadas actividades de teatro de rúa, circo, cinema, etc. A programación complétase nos días grandes das Festas do Cristo con actividades para todos os gustos, e sobre a que resalta a actuación de Guadi Galego, que o sábado 17 traerá o seu último disco Costuras á Praza do Concello de Salceda de Caselas. O grupo Broken Peach e a Banda Cultural de Salceda acompañada polo cantante Antonio Barros completan os concertos das festas, que un ano máis non contarán con verbenas, ao non poder facer efectivo con seguridade o novo protocolo establecido.

O Concelleiro de Cultura Alex Rodríguez resaltou a aposta que o Concello de Salceda leva feito na cultura dende o inicio da pandemia, non deixando de programar e apostando por manter as grandes citas culturais adaptadas á normativa. Para isto é fundamental a colaboración da veciñanza, á que quixo agradecer polo respecto das normas e a participar. Agradecementos, que fixo extensibles tamén a Protección Civil e ao persoal do Concello, parte imprescindible para que as festas e actos se poidan desenvolver con seguridade.

Para moitos dos actos tradicionais das festas, como son o Festival de Bandas ou o Festival Folclórico haberá que esperar un ano máis, pero outras citas mantéñense no calendario adaptadas ás condicións. É o caso do Estourazo, que este ano homenaxeará á Agrupación Gaiteira de Salceda, un colectivo que leva 10 anos participando neste acto co desfile previo, e que este ano o farán tamén como protagonistas subíndose ao balcón da Casa da Cultura. Outro acto que tampouco vai faltar á súa cita é a homenaxe a Salcedenses Distinguidas/os que este recoñecerá a labor persoal, profesional e social, de tres persoas vencelladas ao eido comercial, un dos sectores máis castigados durante a pandemia.

Concelleiro e alcaldesa, adiantaron tamén que estos actos culturais se complementarán con outra semana de actividades, coincidindo coa tradicional Festa dos Callos, evento no que tamén se está traballando para poder realizalo este ano adaptado ás condicións sanitarias.

Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “Un ano máis apostamos pola cultura segura, cunha programación dirixida a todos os públicos pero centrada no infantil, e que esperamos e desexamos que no vindeiro ano poidamos volver á normalidade e celebrar o verán cultural e as Festas do Cristo sen restriccións”

Verónica Tourón, Alcaldesa de Salceda: “temos que comezar a compatibilizar a situación de pandemia actual coa organización de eventos culturais seguros. O obxectivo do Verán Cultural é que ademais de dar espazos de lecer e entretemento á veciñanza, promovamos economicamente o sector da cultura, o comercio e a hostalería”

Gabinete de prensa, 6 de xullo de 2021