O Concello acaba de renovar o invernadoiro e acondicionar o seu perímetro
Os traballos de acondicionamento, que tiveron unha duración aproximada de 10 días, iniciáronse coa limpeza e desbroce do perímetro onde se ubica o invernadoiro, tanto no interior como no exterior, posteriormente realizouse a reparación da estrutura e o cambio do plástico da cuberta.
Trátase dunha rehabilitación que reviste un especial interese para poder desenvolver o programa de accións formativas e de concienciación no que se está a traballar dende as concellerías de emprego e formación, que dirixe a propia alcaldesa, e medio ambiente, responsabilidade do concelleiro Rubén González. Ambas concellerías traballan conxuntamente para o desenrolo de actividades de educación ambiental.
O invernadoiro que se encontra na zona do CDL será tamén unha das instalacións que se utilizará para o desenvolvemento do Obradoiro Dual de Emprego “Sustentable” que dará comezo nos vindeiros días. Un obradoiro que se levará a cabo xunto co concello de Salvaterra de Miño e que recibiu unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade.
O obradoiro executarase na súa parte formativa no Centro de Desenvolvemento Local O Torrón de Salceda , e na súa parte de alternancia de traballo e práctica profesional en espazos dos dous concellos.
A rehabilitación do invernadoiro, que se atopaba nun estado de deterioro importante, permitirá que as persoas que participan na especialidade de Forestal-xardinería do Obradoiro teñan as mellores instalacións para a posta en práctica dos seus aprendizaxes.
Verónica Tourón, alcaldesa: “continuamos traballando no aproveitamento dos espazos e instalacións das que dispoñemos para mellorar e aumentar os servizos á veciñanza, neste caso tendo como obxectivo a educación ambiental, a formación e a mellora da empregabilidade.”
Gabinete de prensa, 15 de outubro de 2021