Electra Alto Miño, principal empresa comercializadora de electricidade no concello de Salceda de Caselas leva meses acometendo un importante proxecto de instalación de fibra óptica tanto no casco urbano como en diferentes puntos das sete parroquias. Pero EAM segue a proxectar novos tramos para executar de xeito inminente, cun investimento que dende o 2017 achégase xa aos dous millóns de euros, e que permitirá levar este servizo no mes de xuño ao 85% do territorio do municipio. O investimento lévase a cabo integramente a cargo da empresa comercializadora, sen contar con subvencións de administracións públicas. O servizo ofrece unha velocidade estándar de 100 megas de baixada e de subida, aínda que a empresa está a ofertar tamén outras condicións adaptándose ás necesidades das persoas e entidades usuarias.
Especial importancia cobra tamén o emprego xerado, xa que a empresa duplicou o seu cadro de persoal para poder acometer o desplegue. Así mesmo abríronse tendas a pé de rúa para poder mellorar o servizo e a atención directa ás persoas usuarias.
A instalación de fibra óptica supón enormes vantaxes sobre o uso do ADSL, destacando o feito de que manteña sempre a velocidade constante independentemente do número de persoas conectadas, xa que é moi difícil que sufra interferencias. Ademais alcanza sempre o máximo de velocidade contratada, a diferenza do que ocorre co ADSL, que no mellor dos casos chega ao 80 ou 90% da velocidade contratada.
O proxecto é, sen dúbida, unha moi boa nova para Salceda, sobre todo o feito de que tamén as zonas rurais do concello poidan ir beneficiándose da fibra que ata o de agora podían disfrutar os veciños e veciñas do casco urbano.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Debemos aproveitar as vantaxes da tecnoloxía que cada día dá pasos axigantados, polo que nos alegramos de que EAM teña elexido o noso Concello para desenvolver a súa rede de fibra óptica, e sobre todo por levala ata as parroquias, que non sempre poden disfrutar deste tipo de avances. Esta é unha aposta clara polo rural, e un bo aliciente para que a xente opte por vivir no entorno”.
Gabinete de prensa, 2 de marzo de 2020