A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rubén González ven de instalar dous minipuntos limpos fixos en sendas rúas do casco urbán de Salceda. Estarán situados na rúa Pontevedra, á altura da Praza de Abastos e na Praza da Devesa.
Este tipo de minipuntos servirán para que a veciñanza poida depositar ata sete tipos diferentes de residuos especiais como cápsulas de café, pilas, bombillas, CD, DVD, cartuchos de impresora, RAEES e teléfonos móbiles. Estes dispositivos de recollida axudarán a realizar a correcta reciclaxe deste residuos que son altamente contaminantes e que en moitos casos a cidadanía non podía reciclar de forma correcta.
Os contenedores de recollida indicarán de forma gráfica e sinxela en que lugar se teñen que depositar cada un dos residuos, aportando igualmente ás persoas que os utilizan, información de carácter medioambiental para dar a coñecer o seu proceso de reciclaxe.
Por outra banda, a súa parte frontal será utilizada pola Concellería de Comercio que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, como panel de información promocional sobre as actividades comerciais a realizar en Salceda, o que servirá para darlles unha maior cobertura ao sector comercial e hostaleiro.
Rubén González Coto, Concelleiro de Medio Ambiente: “Coa instalación destes minipuntos limpos damos un paso máis cara a innovación dentro do sistema de recollida de residuos do concello de Salceda de Caselas, logrando integrar dunha forma amable os puntos de recollida dentro da contorna urbana”.
Verónica Tourón Domínguez, Alcaldesa: “Este modelo de minipuntos permite unha xestión de residuos máis responsable ao mesmo tempo que permite promocionar a actividade comercial local, dunha forma dinámica e integrada no mobiliario urbán do noso concello.
Gabinete de prensa, 08 de xullo de 2022