Salceda chama ao autoconfinamento

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, ven de facer unha chamada ao autoconfinamento da veciñanza, tras o incremento de casos positivos que se están a producir nos últimos días, e que sitúa ao municipio na alarmante cifra de 104 novos casos nos últimos 14 días. A relaxación de medidas no Nadal, e as numerosas xuntanzas familiares que tiveron lugar fixeron que nas últimas tres semanas se pasase de 12 casos aos 104 que publica hoxe o SERGAS.

Salceda sempre se mantivo con unhas cifras baixas e en mellor situación que os municipios limítrofes, pero a situación está a empeorar drasticamente nos últimos días, dentro da mesma corrente que se está a vivir na área sanitaria de Vigo.

Chegado este momento, a alcaldesa fixo unha nova chamada á responsabilidade da poboación, e pediu que se eviten todo tipo de saídas e desprazamentos que non sexan realmente indispensables: “Ata agora fomos un oasis no medio do deserto, pero agora o mellor que podemos facer cada un e cada unha de nós é quedarnos nas nosas casas, e limitar ás nosas saídas a motivos estritamente laborais, educativos, sanitarios ou de aprovisionamento de alimentos e medicinas”.

Tanto a policía local como as diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado incrementaron as súas labores de vixilancia, sendo habituais os controis de mobilidade e de uso de máscara protectora en diversos puntos do municipio.

O propio Concello tamén adoptou medidas como a supresión do mercado semanal dos mércores, que dende esta semana só acolle os postos agroalimentarios, ou a implantación do sistema de cita previa nos diferentes departamentos, a excepción do servizo de rexistro que polo de agora permanece aberto. Tamén se pecharon ao público as instalacións deportivas e a Casa da Cultura Castelao, e nestes días procederase ao precintado dos parques infantís, cando menos ata o 17 de febreiro.

 

Gabinete de prensa, 29 de xaneiro de 2021