O proxecto desenvolverase por colectivos de Noruega, Finlandia, Portugal e España, cun orzamento de preto de 300.000€ financiados pola Unión Europea.
Os pasados días 27 e 28 de maio tivo lugar en Salceda de Caselas o primeiro encontro internacional das entidades socias do proxecto europeo “MeetYourForest: Novos usos e xestión innovadora do monte”. Trátase dun proxecto aprobado dentro do marco do Programa Europeo Erasmus+ para a posta en marcha de Proxectos de Cooperación no Ámbito da Educación de Adultos, contando cun financiamento da Unión Europea de 294.548,00€ e que se desenvolverá durante 24 meses. Este primeiro encontro de traballo contou coa presenza de Alex Rodríguez, Concelleiro de Mocidade e promotor do proxecto, e Lucía Pereira, Concelleira de Turismo, ademais da Alcaldesa Verónica Tourón, que deu a benvida ao Concello de Salceda de Caselas ás entidades participantes.
Participan no proxecto institucións tan influentes e notorias como ASPEA-Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (Portugal), a Facultade de Ciencias Forestais da Universidade de Vigo, Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural (Noruega) e a Universidade de Ciencias Aplicadas Hamk Häme (Finlandia) como socios expertos en medio ambiente, xestión forestal e protección ambiental. Participa como socio técnico, que se encargará do desenvolvemento dos produtos multimedia do proxecto, AtinServices, empresa española con unha ampla experiencia en proxectos europeos.
O proxecto MeetYourForest nace como unha iniciativa que trata de dar resposta e concienciar á mocidade na necesidade de actuacións para a preservación e xestión innovadora e sostible do monte e o seu contorno. As actividades deste proxecto xiran arredor do monte e os recursos que proporciona, non unicamente de tipo material senón tamén en forma de servizos. Trátase dun proxecto que pretende ir máis aló dos usos tradicionais do monte, basicamente como fonte de ingresos a través da venda da madeira, para incorporar unha perspectiva centrada no monte como potencial subministrador de diferente recursos materiais e ao mesmo tempo como recurso turístico, de ocio e tempo libre, perspectiva que o converte tamén nun potencial creador de novos empregos.
A presentación deste proxecto europeo parte da iniciativa da Concellería de Mocidade do Concello de Salceda de Caselas, que considera de vital importancia a contribución do Concello ás asociacións e colectivos forestais dunha perspectiva mais sostible, para o que se conta coa contribución de entidades asociadas de países máis avanzados neste sentido, como poden ser Noruega e Finlandia. O proxecto ten como eixo fundamental o fomento da cultura forestal e o respecto pola natureza, ao tempo que promove un estilo de vida máis sostible, que teña en conta o medio ambiente como parte fundamental da vida diaria. Para iso, Salceda de Caselas, promotora do proxecto, asociouse con diferentes institucións internacionais coa intención de crear un tándem perfecto entre o monte e a cidadanía.
Durante esta primeira reunión de todas as entidades participantes no proxecto que se celebrou en Salceda de Caselas, tratáronse temas fundamentais como a distribución das tarefas e o calendario para a súa realización, así como establecer as liñas de actuación para a máxima implicación das persoas e institucións participantes no proxecto. No proxecto están previstas outras tres reunións transnacionais a levarse a cabo nos demais países participantes, así como varios actos de difusión e unha actividade formativa na que participarán membros das institucións participantes e persoas e colectivos interesadas nos temas a tratar.
Gabinete de prensa, 31 de maio de 2022