O sábado 7 de xullo, ás 21:30 horas e no CEP Altamira, de Salceda de Caselas, a música volverá ser protagonista, un ano máis, co Certame de Bandas de Música, que con esta acada xa a súa vixésimo sétima edición e que é, no que á música de bandas populares fai referencia,é xa unha das citas de máis soa do sur de Pontevedra. Veciñanza e persoas visitantes terán ocasión de gozar da actuación da Banda Municipal de Agolada, da banda Unión Musical de Meaño e da Banda Cultural de Salceda de Caselas.
A iniciativa, organizada polo Concello de Salceda de Caselas e que conta coa colaboración da Asociación de Amigos da Música de Salceda e da Deputación de Pontevedra, ten este ano unha maior relevancia polo seu marcado carácter solidario. Durante o certame, realizarase unha colecta a beneficio da Asociación de Afectados e afectadas pola explosión de Paramos. Unha traxedia que non só tinguiu de loito o municipio de Tui, senón tamén ao de Salceda que mantén unha estreita relación co lugar do suceso. No mesmo acto, realizarase a entrega de todo o recadado a dita asociación.
Tanto a concelleira de Cultura, Teresa Pérez, como o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada e a Asociación de Amigos/as da Música expresaban a súa confianza absoluta na resposta da veciñanza xa que, sinalaron, “as veciñas e veciños de Salceda sempre souberon estar á altura das circunstancias á hora de axudar a aquelas persoas que máis o precisaban”.
Alcalde e Concelleira quixeron ademáis agradecer a actitude solidaria da Banda Cultural de Salceda, que ten realizado actos en beneficio doutras causas benéficas e que “sempre está disposta a botar unha man cando é preciso”.
Salceda de Caselas, 5 de xullo de 2018