A Concellaría de Benestar Social do Concello de Salceda, dirixida por Teresa Pérez, ven de botar a andar un novo proxecto social, neste caso dirixido á poboación inmigrante. Grazas á financiación achegada pola entidade La Caixa, dez persoas chegadas de Marrocos e Irak están a recibir sesións de axuda co galego, contribuíndo deste xeito á súa integración efectiva na vida da vila.
No acto de inauguración estiveron presentes Marcos Besada, Alcalde de Salceda, Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social, Jose Manuel Ferreira, director da oficina de La Caixa en Salceda, así como as monitoras que se encargarán de levar a cabo o proceso.
O Concello de Salceda conta na actualidade con máis de 300 veciños e veciñas procedentes de Marrocos , polo que actividades deste tipo resultan de grande importancia no municipio. As clases plantexan un proceso de ensinanza-aprendizaxe lingüístico que sexa funcional, útil, lúdico e non meramente descriptivo, de modo que a lingua sexa usada como instrumento de comunicación nas diferentes situacións da vida diaria. Así, estase a promover a aprendizaxe do galego como vehículo indispensable para a integración.
Para acadar os obxectivos, desenrolaranse actividades de nahono, un método de escritura para persoas inmigrantes de lingua árabe, traballando contidos como a lectoescritura, a coordinación grafomotriz e convencións ortográficas, contidos lingüísticos con incidencia nos verbos máis empregados na vida diaria, e outros contidos léxicos e culturais (nomes de productos, sistema monetario, días da semana, meses do ano, cores…)
As sesións estanse a desenrolar no CDL do Torrón, os mércores e os venres, da man da empresa Edukatil, de Salceda.
Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Salceda conta con unha importante poboación inmigrante que se esforza cada día en lograr a total integración na nosa vila. Con este programa damos resposta a unha necesidade detectada dende o departamento de servizos sociais, e vimos de comprobar a grande acollida que tivo por parte dos usuarios”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Todos somos Salceda, e os nosos inmigrantes forman unha parte activa do noso Concello. Accións coma esta contribúen a un maior afianzamento destas persoas, que teñen así unha nova ferramenta nas súas mans para facilitarlles a súa vida diaria”.