Aprovéitanse as vacacións escolares do verán para atender os traballos máis complexos.
O Goberno de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira de Movemento Salceda, está a coordinar os traballos en centros escolares, moitos deles realizados por persoal da plantilla do Concello, para que estean listos no inicio do curso. Inda que os traballos de mantemento dos centros que lle corresponde o Concello en colaboración coa consellería de Educación realizase o longo de todo o ano, aqueles máis complexos e que a súa realización poida ser unha molestia para nenos e nenas fanse en época de vacacións escolares.
Entre os traballos xa realizados figura o andamiaxe na aula da Picoña para proceder ao cambio de tellado antes do inicio de curso e que os nenos e nenas poidan gozar do seu colexo nas mellores condicións.
Así mesmo estanse a axilizar ás obras da aula de San Xurxo que se están a realizar co alumnado do obradoiro de emprego. Esta obra vai permitir que por fin a unitaria conte con un espazo cuberto para diversos usos, e que se garanta a accesibilidade.
Tamén se revisaron xunto co seu director as obras de mantemento e mellora precisas de cara ao vindeiro curso do CRA Raíña Aragonta, para que as instalacións estean nas mellores condicións para os nosos nenos e nenas. Con respecto o CEP Altamira deron comezo as obras de mantemento que se están a realizar con persoal municipal. As prioridades establécense en coordinación co equipo directivo, e tamén aquí aprovéitanse as vacacións de verán para realizalas sen interferir no curso escolar. En espazos tan importantes como o comedor escolar e a aula madruga, realizáronse pequenos arranxos.
Ademais mantivéronse xuntanzas cos directores do CRA Raíña Aragonta e o CEP Altamira de cara ao vindeiro curso, os dous centros comparten servizos como o de conserxería polo que é fundamental a coordinación para unha mellor servizo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Estamos traballando intensamente para realizar as obras, reparacións e melloras antes do inicio de curso. A nova concelleira de Ensino, Selene González, esta permanentemente en contacto coas direccións dos centros e persoalmente teño asistido a varias reunións e colaboro na coordinación. As cousas están saíndo francamente ben tendo en conta que na pasada lexislatura esta área de goberno non a levaba Movemento Salceda pero hai que destacar o traballo e esforzo de todo o equipo de traballadores e traballadoras do Concello nestas tarefas, a pesar de ser días de período de vacacións tamén para o persoal”.
Gabinete de prensa, 24 de agosto de 2023