O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do imposto de bens inmobles (IBI) marcando o tipo nun 0,40%, no lugar do 0,50% existente ata o de agora. A proposta da alcaldía presentouse para tratar de compensar dalgún xeito o impacto que poida ter na economía da veciñanza a revisión que catastro está a levar a cabo nos Concellos de Salceda de Caselas, Bueu, O Porriño e Mos.
O Equipo de Goberno apoiou a modificación da ordenanza a pesares dos informes desfavorables de intervención e tesourería, consciente de que a revisión da Dirección Xeral de Catastro chega nun dos peores momentos, en medio da crise sanitaria máis importante das últimas décadas, que está a supoñer tamén unha importante crise económica. “A pesares de que tanto a veciñanza como toda a corporación sabíamos que a revisión catastral chegaría en calquera momento, o certo é que acontece no peor momento posible, polo que dende o Concello facemos un esforzo por minimizar ese impacto económico con esta baixada do tipo ao mínimo que nos permite a lei”, destacou a alcaldesa, Loli Castiñeira.
O Equipo de Goberno traballa tamén na liña de poder realizar bonificacións ás persoas e familias máis desfavorecidas, coincidindo en que o máis xusto ante estes cambios é ofrecer beneficios fiscais a aquelas persoas que máis o precisan baseándose na situación socioeconómica da veciñanza para o cal o departamento de servizos sociais xa emitiu o informe que está a servir como base do traballo desta nova modificación da ordenanza.
Esta medida ven a completar as demais iniciativas que se levaron a cabo dende o Concello de Salceda de Caselas para axudar á veciñanza, na medida do posible, a afrontar este proceso de regularización que de xeito unilateral iniciou o Ministerio de Hacienda, e que supuxo a emisión de máis de 15.500 notificacións á veciñanza de Salceda.
O goberno municipal estudia tamén co departamento xurídico o xeito de solucionar un dos maiores problemas que plantexa esta revisión, que é o das parcelas que se consideran urbanas nos núcleos rurais dende o 1997 coa aprobación das normas subsidiarias vixentes, e que na realidade non reúnen os requisitos para edificar. Nestes casos dende catastro aplícase un coeficiente redutor que vai dende o 0,6 ata o 0,8 dependendo das características das parcelas, pero o equipo de goberno considera que estas parcelas, mal definidas nas normas subsidiarias, deberían quedar fora desta regularización.
Lucía Pereira, Concelleira de Facenda: “esta baixada do IBI supón unha importante diminución nos ingresos do Concello, mais neste momento consideramos fundamental axudar á veciñanza ainda en detrimento da facenda municipal”.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Hai moitas formas de facer política. Uns optan por facer populismo e balbordo, xerar crispación e vender falsas solucións. Nós apostamos por aceptar a realidade e poñernos a traballar, xestionando cinco medidas de apoio á veciñanza para minimizar o impacto desta revisión do Ministerio de Facenda”.
Gabinete de prensa, 3 de xuño de 2021
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos