Salceda aproba o seu III Plan de Igualdade

Salceda de Caselas, 03 de xaneiro de 2025
O Concello de Salceda de Caselas vén de aprobar o III Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes de Salceda de Caselas 2024-2028, que permitirá avanzar no desenvolvemento de políticas municipais cara un modelo de sociedade igualitario e libre de violencia de xénero. O Plan consolidará a igualdade en Salceda como elemento estrutural da xestión e como un instrumento do goberno municipal para orientar todas as políticas.
O Plan, que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas, recolle a axenda política en materia de igualdade para os vindeiros 4 anos. A elaboración do documento foi capitaneada pola Concelleira de Igualdade, Selene González, en colaboración con entidades sociais, culturais, deportivas e educativas de Salceda a través de grupos de traballo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa, de Salceda: “Ninguén dubida do compromiso do goberno de Salceda coa igualdade, demostrado con feitos e diferentes programas ao longo de todo o ano, e do cal é boa mostra a aprobación deste III Plan de Igualdade”.
Ademais, este é o primeiro Plan que se baseou nun diagnóstico elaborado en base ás respostas da cidadanía a un cuestionario anónimo e que permitiu identificar os principais eixos de intervención, naqueles ámbitos que son de competencia local así como nos obxectivos estratéxicos.
O Concello quixo destacar que o documento aprobado é froito dun arduo proceso de elaboración con catro fases de traballo e varias liñas de acción. As accións están ordenadas en 10 eixos: Xestión Municipal con Enfoque de Xénero; Economía e Emprego; Conciliación, Corresponsabilidade, Tempos e Coidados; Empoderamento e Participación Social; Saúde, deporte, benestar e calidade de vida; Espazo urbano, vivenda e seguridade; Formación, Cultura e educación para a igualdade; Salceda en marcha contra a violencia de xénero; Igualdade no Medio Rural; Mocidade.
Selene González, Concelleira de Igualdade: “Este novo plan será a folla de ruta das accións en materia de igualdade no noso Concello. Máis de 120 medidas que se executarán en todos as áreas do goberno e axudarán a que Salceda sexa máis igualitaria e feminista”.
Tamén é moi salientable a implicación de todas as áreas do Concello así como a detección e visibilidade das necesidades e capacidades das mulleres de Salceda, activando mecanismos que removan obstáculos para rematar coas discriminacións por razón de sexo.
É un Plan feminista deseñado baixo os principios e mecanismos artellados polos organismos internacionais para favorecer a participación, reforzar a transversalidade e modernizar a gobernanza, adaptándoa a unha nova sociedade valente que quere desterrar a violencia e as discriminacións e que cree en accións positivas e contundentes.