Salceda aproba o I Plan de Mobilidade Sustentable da provincia segundo os criterios da Deputación de Pontevedra

O Pleno da Corporación do Concello de Salceda aprobou o I Plan de Mobilidade Sustentable cos votos a favor de Movemento Salceda e o PSOE e a abstención do PP. O PMUS redactouse co apoio da Deputación de Pontevedra, que fará unha aportación de 15.000 €, dos 19.965 € que custa o proxecto. Aínda que o documento podía ser aprobado directamente por Decreto de Alcaldía, o Equipo de Goberno considerou importante sometelo á votación do Pleno, para que fose un documento abalado pola totalidade da corporación municipal, co aliciente ademáis de ser o primeiro PMUS da provincia en aprobarse segundo os criterios de mobilidade sustentable da Deputación de Pontevedra.
O obxectivo fundamental do PMUS é o de establecer o libro de ruta que seguir nas vindeiras actuacións que se leven a cabo, na liña de seguir a recuperar a vila para as persoas. É importante, sobre todo, garantirlles aos nenos e nenas a súa autonomía para saír da casa, para ir xogar cos amigos e amigas e para ir a escola a pé e sós/soas; hai que garantirlles tamén ás persoas con diversidade funcional percorridos sen barreiras e con solucións de continuidade; á terceira idade, pasos de peóns e encrucilladas seguras… En definitiva, o PMUS busca asegurarlle a toda a cidadanía unha posibilidade real de movemento, de ir á escola, ao traballo e a divertirse por outros medios que non sexan o coche particular, e darlle prioridade a ir a pé ou en bicicleta, correspondéndose coa liña que humanizacións e recuperacións de espazos públicos que está a desenrolar o Goberno Municipal dende o ano 2007.
A pesares dos esforzos que leva realizado o Concello en humanizar diversas rúas, o certo é que a día de hoxe só un 16,6% da superficie total das rúas do casco urbano está adicado a beirarrúas, só un 1,6% das rúas son de uso peonil, e un 87% das beirarrúas teñen menos de 1,80 metros de ancho. Estas cifras veñen a demostrar a necesidade dun Plan de Mobilidade como este, que o Equipo de Goberno espera ter rematado e aprobado neste ano 2018.
O tecido asociativo tivo un papel importante na redacción do PMUS, para o que a empresa encargada da redacción do plan realizou diversas Mesas de Participación Cidadá o ás que se convidaron ás asociación e aos grupos da oposición así como a outros colectivos de interese (Protección Civil, Policía Local…).
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Levamos dado importantes pasos na recuperación do espazo público para as persoas. Salceda busca converterse en referente dentro das Cidades dos Nenos e das Nenas, e sen dúbida o PMUS será unha ferramenta de enorme valor para seguir a traballar neste obxectivo. Seguiremos a construír unha vila pensada para as persoas”.
Salceda de Caselas, 01 de febreiro de 2019