O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade a proposta feita dende a área de Benestar Social que dirixe Teresa Pérez para que o municipio pase a formar parte do proxecto “A Cidade dos Nenos”. Varios colectivos levaban pedindo xa ese recoñecemento, entre eles a ANPA do CEP Altamira.
A Cidade dos Nenos, posta en marcha polo pedagogo italiano Francesco Tonucci no 1991, basease en duas ideas fundamentais: que os nenos participen no goberno da súa cidade e que estes recuperen a súa autonomía mediante un deseño axeitado dos espazos públicos. De feito, xa dende o 2007, se veñen realizando infinidade de accións no municipio que ben poderían enmarcarse dentro deste proxecto: humanización de rúas con ampliación de espazo para os peóns, recuperación de edificios e espazos públicos, creación de sendas polas ribeiras dos ríos, así como a posta en marcha de diversos programas dirixidos á infancia e xuventude: aula matinal, comedor escolar, programas de apoio específicos…
Tonucci defende a idea de que unha vila construída e pensada para os nenos e nenas é unha vila perfectamente adaptada á poboación adulta, pero non é así no caso contrario, xa que unha vila creada para os adultos pode esconder numerosos perigos para os cativos (inaccesibilidades, perigosidade de tráfico…). O Equipo de Goberno pretende implantar o modelo no Concello de Salceda, deixando constancia de que xa se ten avanzado moito nesa dirección, aínda que fose sen entrar a formar parte das Cidades dos Nenos”.
Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Queremos conseguir que os cativos poidan volver saír á rúa sen que teña que acompañalos un adulto; é un obxectivo ambicioso para o que imos precisar a xuda de toda a sociedade salcedense, pero estamos seguros de que o imos conseguir”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Salceda leva avanzado moito e en moitos aspectos a prol dos máis novos. Entrar a formar parte das Cidades dos Nenos vainos permitir compartir experiencias con outros Concellos e seguir a construír un Concello no que os máis cativos poidan sentirse partícipes da vida social do entorno que os rodea, e sobre todo poidan vivir no seu pobo con autonomía e sen depender sempre dos adultos”.