O Concello de Salceda de Caselas amortizou un total de 85.208,29 € de gasto corrente por medio do Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra. O gasto correspóndese con facturas do consumo de alumeado público realizado no primeiro semestre deste ano 2016, e será financiado dentro da Liña 2 do Plan Concellos, que permitía a amortización de gasto corrente.
O gasto anual en alumeado público no caso do Concello de Salceda de Caselas ronda os 350.000 € (case un 10% do orzamento anual), polo que esta subvención supón unha grande axuda á hora de afrontar este gasto.
Nos últimos anos lévanse realizado numerosas obras de mellora que permitan reducir o custe deste servizo, fundamental para a veciñanza, e que segue a supor unha importante carga financieira para o Concello.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Plan Concellos supón unha enorme axuda para os Concellos. Por fin vemos un Plan igualitario para tódolos Concellos sen facer diferenzas de cor política. A Deputación fixo unha achega ao Concello de Salceda de Caselas de 568.055,27 € para este ano 2016 dentro do Plan Concellos, investidos en obras e servizos fundamentais para o día a día dos veciños e veciñas de Salceda”.