Salceda acollerá o I Festival Solidario da Canción

A Concellería de Cultura e Benestar Social do Concello de Salceda de Caselas organiza o I Festival Solidario da Canción, que terá lugar na Praza do Concello o venres 17 de xullo, pechando a programación do Verán Cultural. Con esta iniciativa preténdese realizar unha gran recollida de alimentos non perecedeiros que serán destinados ao Programa de Alimentos do Concello de Salceda.

O festival basearase na interpretación de temas en directo polos aficionados ao mundo da canción, nun festival de karaoke que pretende ser o primeiro de moitos. As interesadas e os interesados en participar poden anotarse na Concellaría de Cultura ou por mail en cultura@salcedadecaselas.es, e serán convocados a un casting de selección o luns día 13 no Auditorio Municipal. O prazo de inscrición permanece xa aberto, polo que se anima a tódolos interesados que queiran participar a que se anoten canto antes.

O festival busca dous obxectivos claros. Por unha banda pretende servir de plataforma para os aficionados ao karaoke de Salceda e arredores, que terán así unha nova forma de darse a coñecer ante o público. E por outra banda, establécese tamén o obxectivo solidario, coa recollida de alimentos que se levará a cabo entre os asistentes.

Dende a organización animan tanto a participantes como a público a asistir ao evento, que dará paso á celebración das Festas do Cristo os días 18, 19 e 20 de xullo. “Queremos que sexa un gran acontecemento, e que ademáis sirva para axudar ás familias máis desfavorecidas. Nestes momentos nos que hai tantas persoas atravesando situación delicadas, estamos seguros de que Salceda amosará unha vez máis o seu lado solidario, como xa ven demostrando noutras ocasións”, afirma Teresa Pérez, Concelleira de Cultura e Benestar Social.