Salceda acolle a mostra fotográfica “Éxodus”

O equipo de Goberno de Salceda de Caselas inaugurou esta tarde a exposición fotográfica “Éxodus: Na procura do refuxio” na Casa da Cultura Castelao, nun acto ao que tamén asistiron a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e Gela Ledo, Concelleira do PSOE. A mostra, elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa.

A exposición exhibiuse entre o 29 de abril e o 10 de xuño no Pazo provincial da Deputación, transformándose logo en exposición itinerante para que recorrese os concellos da provincia e que a súa veciñanza saiba o que está a acontecer. Lamentan dende a Deputación de Pontevedra que non todos os concellos a quixeron acoller e por iso se amosan moi agradecidos co concello de Salceda de Caselas por permitir achegar á súa veciñanza a dura realidade do que está a acontecer. Da man da Concellaría de Benestar Social que dirixe Teresa Pérez, a mostra chega agora ata Salceda para permanecer na sala de exposicións da Casa da Cultura Castelao ata o vindeiro 1 de agosto.

As persoas protagonistas destas imaxes son persoas que escapan de países onde uns poucos están a impoñer a súa vontade por enriba de todo, que arriscan as súas vidas ata chegar a perdelas no Mediterráneo buscando esperanza, paz e solidariedade. Cada unha das fotografías contén unha historia que lle pode pasar a calquera persoa con independencia da súa procedencia ou do seu nivel de estudos.

Cómpre lembrar que Europa se está a afrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando do conflito en 2015. Un 25% delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación móveos a arriscar as súas vidas e a das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade. En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. Os refuxiados cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, ao sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas ao día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.