O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Cultura e Festexos, que dirixe Alex Rodríguez ven de publicar as bases para participar no XXII Desfile de Carrozas e Comparsas que se celebrará o domingo 23 de febreiro de 2020.
Durante a semana do 3 ao 9 de febreiro as agrupacións de Salceda poderán formalizar a súa solicitude, e dende o 10 ao 16 a inscrición abrirase para as agrupacións de calquera Concello. As agrupacións deberán facer a súa solicitude a través da Sede Electrónica do Concello.
As agrupacións deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes, e poderán presentarse con ou sen carroza, establecéndose diferentes categorías en ámbolos dous casos. Ademais, o desfile completarase co concurso de coplas no que participan todas as agrupacións. Todas as comparsas admitidas recibirán unha compensación económica pola súa participación, que varía entre os 100 e os 700 € en función do número de compoñentes.
Ademais da dotación económica, establécese un xamón como premio para diversas categorías: A mellor música en directo, a mellor coreografía, a comparsa máis festeira, a comparsa con maior número de compoñentes, o tema máis orixinal, o mellor vestiario, a mellor maquillaxe, a carroza máis traballada, a carroza máis orixinal, o mellor traballo en conxunto, as coplas máis divertidas, as coplas mellor recitadas e o participante de maior idade.
Toda a información e as bases do concurso poden consultarse a través da páxina web do Concello www.salcedadecaselas.gal ou no taboleiro de anuncios do mesmo Concello.
En Salceda, o Entroido é unha das súas festas máis importantes, para o que se prepara xa unha ampla programación que será presentada ao completo uns días antes das festas.
A programación municipal completará o xa tradicional enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira, que hai xa máis de 130 anos se ven celebrando, e para o que os barrios levan xa tempo traballando arreo no máis estricto segredismo.
Alex Rodríguez Canosa, Concelleiro de Cultura: “O Entroido é sen dúbida a festa máis importante de Salceda, unha festa que a veciñanza vive con paixón, cando menos dende hai 130 anos. Xa estamos a traballar entre as diferentes concellarías para que a festa sexa un éxito para as persoas participantes e para as milleiros de visitas que se achegarán ao noso Concello”.
Gabinete de prensa, 27 de xaneiro de 2020