A Concellaría de Benestar Social e Igualdade do Concello de Salceda, dirixida por Teresa Pérez, pon en funcionamento un servizo de asesoramento en materias de violencia de xénero, menores e familia. O Programa está subvencionado pola Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Concellos 2016.
O presente Programa ofrece os servizos dunha avogada especialista en dereito de familia, violencia de xénero e menores, que acudirá ao Concello para atender os casos que se presenten e que veñan derivados dende o Departamento de Servizos Sociais. O servizo será gratuíto para as usuarias.
Mediante este servizo ofrecerase asesoramento xurídico en dereito de familia (separación, divorcio, pensións alimentarias, custodia de menores…), dereito penal (denuncias, malos tratos, lesións, inxurias…), dereito laboral (contratación, condicións de traballo, extinción de contratos, permisos, excedencias…) e outros trámites administrativos (acollemento familiar, xustiza gratuíta, recursos administrativos…). Así, as/os usuarios terán un servizo de asesoramento xurídico para recibir información no ámbito do dereito de familia, violencia de xénero e menores, agresións sexuais, sensibilización en xénero de igualdade e linguaxe non sexista, violencia sexual e de xénero en xuventude e adolescencia, violencia de xénero nas novas tecnoloxías, e procedementos penais e responsabilidade do/da menor.
O Programa funcionará a demanda, polo que as persoas que o precisen deberán informarse nos Servizos Sociais do Concello, que serán as encargadas de derivar as usuarias.
Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social e Igualdade: “Estamos a falar dun programa de vital importancia para moitas persoas que en momentos moi delicados se ven totalmente desorientadas e sen saber a quen acudir. Así terán a oportunidade de recibir o asesoramento adecuado e de coñecer os pasos que deban dar en cada caso”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “O Concello de Salceda dá un paso máis na loita contra a violencia de xénero e o dereito de familia. A veciñanza de Salceda pode estar segura de que pondremos todas as ferramentas que teñamos ao noso alcance para que situacións como as que desgraciadamente coñecemos non volvan producirse”.
Gabinete de prensa, 16 de marzo de 2016