A Concellaría de Benestar Social, que dirixe Teresa Pérez, lembra o programa de apoio aos enfermos e enfermas de alzheimer que se leva a cabo no Centro Social da Devesa a través da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA). As sesións teñen lugar os luns e os mércores de 17:00 a 20:00, e existen aínda prazas dispoñibles para novos/as usuarios/as. Os/as interesados/as poden informarse no Departamento de Servizos Sociais do Concello.
O programa consiste en achegar ós e ás pacentes diagnosticados/as por Alzheimer ou outro tipo de demencia neurodexenerativa en fase leve ou leve-moderada que residan no Concello de Salceda a posibilidade de recibir tratamento non farmacolóxico sen ter que desprazarse do seu Concello. Para elo, AFAGA proporciona estimulación cognitiva, física e funcional aplicando as novas tecnoloxías e as formas de estimulación “tradicionais” por parte dunha psicóloga e unha terapeuta ocupacional. Nos obradoiros trabállanse a orientación temporal e persoal, a memoria, a linguaxe, o cálculo, a atención, o razoamento… Tamén se realizan actividades de ocio, como os xogos sociais. Por outra banda, a través da musicoterapia, trabállase tamén a atención, a coordinación, a reminiscencia, a relaxación…
O obxectivo fundamental do programa consiste na mellora da calidade de vida do colectivo formado polos enfermos e enfermas afectados/as por unha demencia neurodexenerativa e o seu entorno. Así mesmo, mellórase o estado físico-emocional do coidador/a, entrénanse as capacidades funcionais e cognitivas do/da enfermo/a e infórmase e asesórase sobre Recursos Sociais ás Familias.
Teresa Pérez, Concelleira de Benestar Social: “Consideramos fundamentais os programas de apoio a este tipo de enfermidades, que supoñen, non só unha mellora da calidade de vida dos afectados/as, senón tamén un respiro para as familias, que contan así con un importante apoio no coidado dos seus. A laboura de AFAGA resulta excepcional neste campo, e dende o Concello agradecemos enormemente este traballo de vital importancia para os usuarios/as”.
Foto: Sinatura de convenio entre AFAGA (Presidente Juan Carlos Rodríguez) e Concello de Salceda (Alcalde Marcos Besada)