Presentado o Catálogo de Espazos Naturais

A Concellaría de Medioambiente do Concello de Salceda de Caselas, que dirixe Carla Pérez, ven de presentar o Catálogo de Espazos Naturais que recolle e cataloga os numerosos espazos existentes ao longo do Concello de Salceda e do seu entorno. Nun formato dixital, o catálogo pódese consultar xa accedendo dende a páxina web do Concello.

O documento foi elaborado pola propia Concelleira, Carla Pérez, coa axuda de Jaime Sánchez, Manuel Rei e Marcos Troncoso, que colaboraron na redacción do mesmo de xeito desinteresado. O catálogo busca axudar na concienciación e posta en valor dos diferentes espazos, así como na súa divulgación entre salcedenses e visitantes. Parte importante supón, ademáis, a catalogación das diferentes especies animais, vexetais e micolóxicas de cada un dos espazos mencionados.

As condicións extremas e o microclima do municipio fai que se atopen especies que non se atopan en ningún outro punto do Estado, ou incluso un exemplo de fungo que só se ten localizado en Sri Lanka, e agora tamén en Salceda de Caselas.

Óscar Requejo falou na presentación do cariño co que colaborou no documento, que lle serviu ademáis para coñecer espazos dos cales nin sequera escoitara falar. Óscar, grande esperto en micoloxía, falou de Salceda como un punto de referencia na recollida de cogumelos, xa que aquí se achega xente de toda a comarca en busca das mellores especies.

Jaime Sánchez centrou o seu traballo na elaboración da cartografía, destacando a grande variedade de rutas e espazos catalogados.

Carla Pérez, Concelleira de Medioambiente, aproveitou a ocasión para agradecer o traballo feito polos autores, coa gran adicación que puxeron no proxecto e o seu traballo altruista para que este proxecto puidese ser realidade.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou a enorme riqueza paisaxística de Salceda, con espazos nos que podemos atopar unha enorme variedade de especies, e que agora se ve reflexada no catálogo. “Este traballo vai servir de base para futuras actuacións que se poidan ir levando a cabo nos diferentes espazos, seguindo así na liña de posta en valor do noso Concello que estamos a levar a cabo dende o 2007”.

 

http://salcedadecaselas.es/espazos-naturais/