O Concello de Salceda botará a andar este ano un gabinete de atención psicolóxica que xorde ante a necesidade de proporcionar apoio e asesoramento psicolóxico individual e familiar a todas as persoas que o precisen, sendo previamente derivadas dende os Servizos Sociais. O gabinete suporá un investimento anual de 10.925 €, e estará financiado dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Con este servizo preténdese dar resposta á necesidade de atención psicolóxica identificada polo Concello de Salceda de Caselas para a súa veciñanza, e está pensado para público de tódalas idades, tanto maiores como menores de idade. O gabinete servirá tamén para traballar de xeito grupal e coas familias interesadas diferentes aspectos relacionados coa educación de crianzas e adolescentes, e para sensibilizar e previr en saúde mental a través de charlas informativas dirixidas ao alumnado ou á poboación en xeral. Cabe destacar que este gabinete actuará en coordinación con outros servizos e programas que ofrece o Concello como os Servizos de logopedia e Atención Temperá, o Programa “Cultiva a Mente” ou o II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes, entre outros.
Trátase dunha necesidade que o Concello de Salceda viña detectando nos últimos tempos pero que se ve acentuada en momentos de crise como o que estamos a vivir na actualidade, polo que dende o equipo de goberno se decidiu reservar unha partida do Plan Concellos para a posta en marcha do servizo.
Gela Ledo, Concelleira de benestar Social: “este servizo dá resposta a unha necesidade da poboación cada vez máis urxente, que ante as carencias do servizo ofertado polo SERGAS precisa dunha resposta máis cercana e inmediata”
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “xa ven sendo un costume que os Concellos asumamos competencias que non son nosas, e temos a responsabilidade de levalas adiante, porque coñecemos as necesidades da nosa xente e queremos coidala. Agardamos que as demáis administracións tomen nota, pois precisamos financiación para poder ofrecer este tipo de servizos tan necesarios sempre, pero agora máis que nunca”.
Gabinete de prensa, 11 de maio de 2020