A Concellaría de Ensino que dirixe Teresa Pérez informa do estado das obras que se están a levar a cabo nos colexios de infantil e primaria do municipio.
No caso do CRA Raíña Aragonta leváronse a cabo diversas obras de pintado, reparación de desperfectos, eliminación de humidades… Estas obras leváronse a cabo tanto na sede do colexio como nas diferentes aulas que se reparten ao longo de tódalas parroquias de Salceda, e estanse a rematar nestes días para que todo estea a punto para o comezo das clases o vindeiro 10 de setembro. Sen dúbida a obra de maior importancia neste curso vai ser a recuperación da aula anexa do colexio de Soutelo, que tras anos pechada polo seu mal estado este ano volverá estar preparada para acoller as actividades complementarias dos nenos e nenas de Soutelo. A obra, con un custe de 21.769 € vai ser asumida por fondos propios do Concello, ao Traverso da Concellaría de Ensino.
No caso do CEP Altamira séguese a traballar na eliminación de barreiras arquitectónicas, para o cal se procedeu á instalación da última rampla que quedaba pendente nos pasillos do colexio. Dende a Concellaría de Ensino laméntase que esta obra de tanta importancia non se faga dende a Xunta de Galicia, que é a que ten as competencias en materia de educación, e que teña que ser o Concello o encargado de acometelas. Tralas ramplas realizadas dende o Concello, espérase agora que a Xunta de Galicia teña a ben aprobar a instalación dun ascensor ou sistema alternativo para discapacitados e carriños, co cal o colexio quedaría xa totalmente adaptado.
No exterior do centro estase tamén a proceder á eliminación de barreiras, neste caso con unha obra asumida conxuntamente entre Concello e Xunta, que vai permitir o acceso a discapacitados ao edificio administrativo, algo imposible ata o de agora e que se levaba reclamando varios anos ante a Xunta de Galicia.
Teresa Pérez, Concelleira de Ensino, destacou a posta a punto dos colexios como prioridade absoluta na súa área, traballando en todo momento man con man coa Concellaría de Vías e Obras que dirixe Fortunato Álvarez, en constante diálogo e cooperación tanto cos mestres como coa propia dirección dos centros, evitando calquera molestia que as obras pudiesen causar no curso escolar. En palabras da propia concelleira “Estamos a asumir obras que non nos corresponden, senon que tería que levalas a cabo a Consellería de Educación, pero a defensa da educación pública é primordial para o noso equipo de goberno, polo que imos levar a cabo tódolos esforzos que estean nas nosas mans”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, destacou que “seguimos a traballar por un ensino público e de calidade. Dende o Concello non escatimaremos esforzos en ofrecer as mellores instalación aos nosos nenos e nenas, pois a súa educación é fundamental e non debe ser menospreciada”.
Gabinete de prensa do Concello de Salceda de Caselas
25 de agosto de 2014