18 nenos e nenas de 5 anos do CRA Raíña Aragonta visitaron onte mércores as instalacións do Concello de Salceda. Alí, da man da Concelleira de Cultura Teresa Pérez puideron coñecer algunhas das dependencias municipais: o Salón de Plenos, a Alcaldía, a Oficina de Urbanismo e as oficinas da Policía Local. Durante a visita os pequenos puideron coñecer un pouco mellor o funcionamento dun Concello e os diferentes departamentos nos que se divide. Para os cativos resultou especialmente emocionante o acceso á Alcaldía, onde os agardaba o Alcalde para pasar con eles uns momentos ou a visita ás oficinas da Policía Local, nas que coñeceron mellor as función dos corpos de seguridade. Así mesmo, os nenos e nenas divertíronse coa realización do seu propio Pleno, onde se repartiron os diferentes papeis de Alcaldesa, Concelleiros/as, Secretario, Interventor e Xornalistas.
A visita, que contou coa colaboración de algúns pais e nais, enmárcase dentro dun proxecto de estudio de Salceda que está a levar a cabo o mestre da aula, Diego Ferro. Precisamente os cativos fixeron esta visita un mércores para poder coñecer tamén de primeira man o desenrolo do mercado semanal que se celebra na Praza do Concello, aínda que o mal tempo non lles axudou demasiado.
Por último aproveitaron tamén a saída para coñecer a Casa da Cultura Castelao, na que se lles fixo entrega do seu correspondente carné de socios da biblioteca aos nenos e nenas que aínda non o eran.
Teresa Pérez, Concelleira de Ensino: “valoramos moi positivamente este tipo de iniciativas. Parécenos fundamental que os pequenos coñezan o seu entorno máis cercano e o funcionamento dos estamentos que os rodean. Vaia a miña noraboa ao CRA Raíña Aragonta por este proxecto de tanta importancia para os nosos nenos e nenas”.
Gabinete de prensa
16 de outubro de 2014