O CEP Altamira acolleu esta mañá a presentación dos proxectos de educación emocional en igualdade e mediación que se van levar a cabo tanto no CRA Raíña Aragonta como no propio CEP Altamira. No acto participaron representantes das ANPAS e dos equipos directivos dos dous centros, representantes de ACROFAM, entidade encargada de levar a cabo os proxectos, e a Concelleira de Educación e o Alcalde de Salceda, Tere Pérez e Marcos Besada. O proxecto está impulsado por ámbalas dúas ANPAS, e para levalo a cabo contará coa financiación das propias ANPAS, dos centros escolares e do Concello de Salceda.
No caso do CRA Raíña Aragonta, o proxecto vaise centrar na igualdade, e traballarase na aula co psicólogo Carlos Vila, e tamén a través da arte e do sorriso. A igualdade é unha das claves para conseguir unha perfecta convivencia, e é fundamental abordala xa dende as primeiras idades, nas que xa se ven comportamentos que se poderían definir case como “machismo”. Para chegar aos nenos e nenas empregaranse formatos divertidos e cercanos, para acadar o mellor resultado.
Pola banda do CEP Altamira, procederase á creación dun equipo de mediación formado por 20 alumnos e alumnas de cuarto curso, que poidan interceder nos diferentes conflictos que poidan xurdir no día a día do colexio. A idea é chegar aos conflictos de baixa intensidade, que para os nenos e nenas son conflictos de grande importancia aínda que moitas veces parezan insignificantes. Con este equipo de mediación moitas das situación conflictivas xa non chegarán ao equipo directivo, senon que o propio alumnado o resolverá grazas á mediación. Elíxese o alumnado de cuarto coa previsión de que eses nenos e nenas poidan facer o traballo durante tres cursos, ata que rematen sexto de primaria.
As representantes das ANPAS agradeceron a boa acollida que tivo o proxecto por parte dos equipos directivos dos dous centros, que dende o primeiro momento amosaron o seu interese, así como agradeceron a colaboración do Concello, que sufragará unha parte importante dos custos da implantación dos programas.
Clara Ojea, directora do CEP, e Mirian Seoane, xefa de estudios do CRA, amosaron a súa satisfacción e interese no proxecto, agradecendo o traballo das ANPAS na defensa dos intereses dos nenos e nenas con iniciativas tan importantes como esta.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, lembrou que “Non existe a carreira de pais nin de nais, polo que proxectos como este resultan fundamentais no camiño de conseguir unha educación integral para os nenos e nenas, destacando ademáis a importancia de que se faga dende o ensino público. O Concello de Salceda apoiará sempre sen ningún tipo de dúbidas proxectos coma este, tan importantes na Salceda do baby boom”.
Gabinete de prensa, 30 de xaneiro de 2019