O Programa Integrado de Emprego inserta ao 72% das persoas participantes

O Programa Integrado de Emprego que o Concello de Salceda de Caselas está a desenvolver dende o mes de outubro do pasado ano está a obter uns resultados moi positivos a pesares da crise sanitaria, que agora se poderán prorrogar despois da ampliación do Programa que ven de comunicar a Consellería de Emprego e Igualdade.

O Programa atende a 100 persoas desempregadas, e está a conseguir importantes avances no que a inserción laboral se refire, cun 72% de participantes que traballan ou traballaron ao longo do programa, un 32% que xa cumpriron o obxectivo e continúan traballando hoxe en día, e cun 55% con un contrato laboral nestes momentos. Tamén catro das persoas participantes foron orientadas a retomar os seus estudos, cursando neste momento estudos de formación profesional.

O Programa abarca moi diferentes iniciativas segundo os perfiles das persoas participantes, como é o caso de 7 destas persoas que están a sacar o permiso de conducir B, conscientes dende o Concello de que este permiso resulta fundamental en moitos postos de traballo.

Dende o mes de xaneiro impartíronse un total de 5699 h de formación, das cales 4628 h impartíronse de xeito telemático e 1070 h de formación presencial. Na actualidade estase a impartir formación de almacén, limpeza, administración e permiso de conducir B, estando rematados os outros itinerarios formativos. 12 persoas realizan nestes momentos o curso de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e no vindeiro mes de decembro realizarán prácticas en empresas, ao igual que xa o fixeron outros 23 participantes, que no 90% dos casos desembocou nun contrato laboral nesas mesmas empresas.

Verónica Tourón, Concelleira de Formación e Emprego: “a liña que establecemos dende o principio de lexislatura de apostar pola creación de emprego está dando resultados moi positivos e a inserción laboral destas persoas non só mellora a súa vidas senón tamén a da veciñanza, porque o emprego significa tamén dinamización do comercio, da hostelería e da economía local en xeral. Estou convencida que temos que seguir con esta laboura, e esperamos que cando pase esta crise se intensifique aínda máis con máis programas deste tipo e outras iniciativas que estamos elaborando para o ano 2021”.

Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “O noso Concello ten a gran a sorte de contar cun Centro de Desenvolvemento Local con persoal técnico que atende a diario a veciñanza en materia de emprego, formación e orientación laboral, e que nos ten convertido en referencia en toda a comarca”

 

Gabinete de prensa, 9 de novembro de 2020