O Pleno do Concello de Salceda aprobará o cambio nas normas subsidiarias da Devesa

O Pleno do Concello de Salceda vai aprobar mañá xoves, na súa sesión ordinaria, a modificación das normas subsidiarias da parcela da Devesa, que pasará a ter uso dotacional público, o que permitirá ampliar a Praza da Devesa e construír a futura Casa da Mocidade.

A parcela, que actualmente ten un uso de aparcadoiro, conta cunha cualificación urbanizable. En outubro do 2020, o pleno municipal aprobou xa a suspensión das licenzas urbanísticas, que nunca se fixeran efectivas, dando así o primeiro paso para dotala de novos usos sociais.

Con esta modificación das Normas Subsidiarias do Planeamento Municipal, o Concello de Salceda de Caselas contempla desenvolver unha nova praza, aledaña á actual Praza da Devesa, sumando así mil metros cadrados máis de espazo público para uso da veciñanza.

Esta modificación contempla ademais a posibilidade de urbanizar contra o actual edificio privado un novo equipamento público, onde se construirá a futura Casa da Mocidade, unha vez se materialice a adquisición das parcelas, propiedade na actualidade da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, SAREB.

Con esta nova infraestrutura, o equipo de goberno da resposta ás necesidades actuais da mocidade dun espazo propio, onde poder realizar actividades, cursos, obradoiros e que se desenvolverá proximamente mediante un concurso de ideas, no que participará o tecido social do Concello.

Loli Castiñeira, Coordinadora de Proxectos: “Con esta modificación puntual das normas subsidiarias a veciñanza de Salceda gozará dunha nova zona pública no corazón da vila, que servirá ademais para levar adiante a nova Casa da Mocidade”.

Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área de urbanismo: “Resaltar a importancia do traballo que se ven realizando polo equipo de urbanismo co fin de acadar espazos para as persoas  e dotar a nosa vila de novos servizos”

 

Gabinete de prensa, 27 de outubro de 2021