O Equipo de Goberno inicia as súas xuntanzas polas parroquias de Salceda

O vindeiro luns 25 de abril darán comezo no centro cultural da parroquia da Picoña a primeira dunha serie de xuntanzas que o equipo de goberno de Salceda de Caselas pretende levar a cabo por todas as parroquias do concello.

Baixo o lema “O concello escoita” o equipo de goberno ten como obxectivos acercarse á cidadanía de Salceda para amosar a labor de goberno feito durante estes anos de lexislatura e sobre todo coa finalidade de escoitar a veciñanza e atender as súas inquedanzas, queixas e suxestións para respondelas e aportar solucións viables a través da toma de decisións públicas dende o concello.

As visitas ás parroquias para poder manter xuntanzas coa veciñanza xa eran unha idea que se tiña planificada por parte do equipo de goberno dende o inicio da lexislatura pero desgraciadamente, a situación provocada pola pandemia da Covid-19, impediu que a programación das visitas fora planificada por razóns sanitarias.

Despois do inicio este vindeiro luns na parroquia da Picoña, continuarán as charlas esta vindeira semana, o martes 26 na parroquia de Parderrubias e o venres 29 no barrio de A Feira.

 

 

Gabinete de prensa, 22 de abril de 2022