O Equipo de Goberno inicia as negociacións para aprobar a RPT

O Equipo de Goberno do Concello de Salceda ten xa rematada a proposta de Relación de Postos de Traballo (RPT) que este xoves será debatida cos representantes sindicais na mesa xeral de negociación convocada con este único punto na orde do día. O documento, que será o primeiro existente na historia do Concello de Salceda, permitirá a regularización dos diferentes postos existentes no Concello, así como a creación de novas prazas precisas para o correcto funcionamento da administración local. A RPT elimina as desigualdades existentes ata o de agora, e recoñecendo situacións especiais como a turnicidade, a xornada partida ou a penosidade.

                A RPT é un documento técnico, obrigatorio por lei, que permite a ordenación do persoal dacordo coas necesidades dos servizos prestados dende o Concello, establecendo un organigrama ideal para o funcionamento do Concello.

                Do persoal, máis do 80% vería mellorada a súa situación salarial actual, mentres que os que non melloran manterían as súas condicións, máis favorables neste momento, mediante un complemento persoal, non prevéndose a eliminación de ningunha das prazas ocupadas neste momento.

                A RPT é a ferramenta que permite cubrir as prazas vacantes, a través dunha oferta de emprego público que se podería realizar unha vez entrase en vigor o documento. O borrador recolle as prazas obrigatorias por lei que o Concello ten previsto cubrir nun breve prazo de tempo, como son a dun tesoureiro habilitado nacional e a de un oficial de policía, e recoñece postos de encargado/a ou coordinador/a de diferentes áreas, inexistentes ata o de agora. Contémplase tamén a creación dun posto de Técnico/a de Administración Xeral para dar apoio a Secretaría e Intervención, mellorando os prazos na tramitación de expedientes fundamentais para o Concello. A RPT é ademáis unha ferramenta básica para mellorar a eficacia, a eficiencia e a productividade da plantilla municipal.

                Así pois, estamos ante un documento fundamental para o Concello de Salceda que mellorará as condicións laborais e salariais, ofrecéndolles aos traballadores/as unhas garantías e unhas condicións das cales carecían ata o de agora.

                Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda e encargada da área de persoal: “Con esta proposta damos cumprimento a outro dos acordos do pacto de goberno, así como ao comprmiso adquirido coa parte sindical. Este é un paso imprescindible para eliminar as desigualdades salariais, e sobre todo para ter unha ferramenta fundamental para organizar o traballo municipal e ofrecer o mellor servizo á veciñanza”.

 

                Gabinete de prensa, 15 de setembro de 2020