O equipo de goberno de Salceda (Movemento Salceda e PSOE) segue a colaborar coa Plataforma de Afectados polas Hipotecas. Nesta ocasión, o Alcalde e as/os Concelleiras/os do goberno van facer unha aportación de 200 € para axudar na financiación da viaxe que a PAH fai esta fin de semana a Madrid para participar nas “Marchas pola Dignidade” convocadas para a defensa dos dereitos dos cidadáns, neste caso o dereito a unha vivenda digna. Manifestantes procedentes de toda España chegarán a Madrid mañá sábado 22 para participar nunha gran concentración baixo o lema “Que se vaian tódolos gobernos que destrúen dereitos”. Dende a PAH reclaman o cambio das políticas que están a emprobrecer á maioría da poboación e que non foron aprobadas democraticamente pola cidadanía senon que veñen impostas.
O equipo de goberno de Salceda segue a contribuir con diversas causas dende o fondo común que crearon coa donación voluntaria das súas pagas do Nadal do 2012, cando un decreto do goberno do Estado deixara sen esta paga a tódolos traballadores da administración pública. Ata o de agora lévase colaborado co Programa de Alimentos de Salceda, coa Plataforma de Afectados por Preferentes e Subordinadas e coa Plataforma de Afectados polas Hipotecas. No caso da PAH dende o Concello ténselle facilitado un local de traballo no mesmo edificio da Casa Consistorial, e a título particular o equipo de goberno ven asumindo os custes da liña de teléfono da Plataforma, ao cal se suma agora esta nova aportación destinada á viaxe a Madrid.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguiremos a apoiar as acción que loitan contra as inxustizas que nos chegan cada día. Síntome orgulloso de representar a un grupo solidario e sempre disposto a contribuír coas causas dos máis desfavorecidos”.