Esta semana deu comezo o novo taller de recuperación de memoria para a terceira idade. Nesta ocasión serán 17 veciños e veciñas maiores de 60 anos os que reciban estas clases.
Na presentación dos talleres que tivo lugar no centro social A Devesa, a Tenente Alcalde e Responsable da Área, Marina Cabaleiro explicou o motivo da continuidade destes talleres que se comezaron a impartir no ano 2012. “É moi importante axudar a manter a capacidade psicolóxica e tamén o estado físico dos nosos maiores”.
Trátase de diferentes actividades encamiñadas a potenciar a memoria como recurso para mellorar a calidade de vida. Obradoiros e talleres para activar a memoria a través de actividades de cálculo, orientación, xogos, charlas, bailes…
As actividades levaranse a cabo ata o 28 de maio no Centro Social de A Devesa.
Dende a concellería tamén suliñan a importancia destes talleres, xa que a actividade mental pode ser satisfactoria a todas as idades e contribúe a que a persona maior teña un envellecemento máis saudable.
Marina Cabaleiro, recalca “este tipo de actividades son moi importantes ademais para favorecer as relacións sociais, por iso continuaremos fomentando estas iniciativas”
Anuncian dende a concellería que o Centro Social A Devesa tamén acollerá este ano dúas actividades realizadas en colaboración coa Cruz Vermella: Curso de Musicoterapia que comezará o 7 de abril e Curso de Reciclaxe Creativa que terá lugar a partir do 9 de xuño. As solicitudes para estas dúas actividades xa están dispoñibles no Rexistro Xeral do Concello, son gratuítas e teñen prazas limitadas.