Que é a OMIC?
As Oficinas Municipais de Información ao Consumidor (OMIC), como administración máis próxima ao cidadán, considéranse un dos elementos esenciais para conseguir unha transparencia do mercado e eficacia do exercicio nos dereitos dos consumidores.
A súa finalidade é informar, orientar e educar aos consumidores e consumidoras para o adecuado exercicio dos seus dereitos, a través de campañas divulgativas, publicacións, certames, xornadas, etc.
As OMIC atenden e tramitan as queixas, reclamacións e denuncias dos consumidores e consumidoras e realizan as mediacións oportunas para a resolución dos conflitos e a promoción e información sobre o Sistema Arbitral de Consumo.
Cando un consumidor ou consumidora entra en conflito ou desacordo cunha empresa ou profesional que lle vendeu o produto ou lle prestou o servizo, pode poñer de manifesto os feitos ante a Administración competente solicitando unha solución ao conflito presentado, e no seu caso, unha compensación.