O Concello de Salceda de Caselas ven de presentar o “Proxecto de mellora e acondicionamento da Praza da Devesa” no Plan de investimentos en equipos e dotacións singulares en mellora do reequilibrio territorial dos servizos en Concellos de menos de 20.000 habitantes convocado pola Deputación de Pontevedra. O proxecto conta cun orzamento de 483.671,86 € dos cales, de ser aprobado, a Deputación de Pontevedra asumiría un total de 386.937,49 €.
O proxecto estivera xa comprometido nos orzamentos do Estado de 2011, e parcialmente tamén nos do 2012. Sen embargo, o Goberno de Mariano Rajoy non cumpliu co recollido nos orzamentos, deixando o proxecto sen executar, a pesares de ter remitida toda a documentación que daquela se lle solicitara ao Concello.
Na obra contémplanse un espazo para a parada do transporte público, un espazo propio para o Centro de Servizos Sociais, unha área de xogos infantís, zonas verdes, renovación das redes soterradas dos diversos servizos, novo alumeado e diverso mobiliario urbano. A Praza da Devesa foi o centro neurálxico e histórico da vila, polo que o Equipo de Goberno considera primordial a recuperación e posta en valor do espazo.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, definiu o proxecto como “a creación dun novo espazo de 4.000 m2 que mellorará a paisaxe urbana da vila, revitalizando tamén as rúas contiguas, nunha zona actualmente pouco atractiva. Seguimos dando pasos na recuperación da nosa vila para as persoas, con especial coidado nos colectivos máis sensibles como os da infancia, a terceira idade, ou as persoas con discapacidade”