O Concello de Salceda solicita unha segunda escola infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos

O alcalde do Concello de Salceda de Caselas, Marcos Besada, a Concelleira de Benestar Social, Teresa Pérez, e o Arquitecto Municipal, Rubén Martín, reuníronse onte en Santiago de Compostela co xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, co obxectivo de presentar o proxecto da nova escola infantil de Salceda de Caselas. O Concello de Salceda propúxolle ao Consorcio a construcción desta segunda Escola Infantil na parcela anexa ao novo Centro de Saúde, na Rúa Mártires de Sobredo, por ser unha parcela que conta xa coas calificacións correspondentes (destinada a servizos), e da que se podería dispoñer de xeito inmediato para a construcción da escola. Os representantes municipais amosaron durante o encontro o proxecto da nova escola infantil, elaborado seguindo as pautas marcadas polo equipo técnico do Consorcio, prantexándose unha escola da mesma capacidade que a escola actual (61 prazas).  Por parte do Consorcio, o Xerente comprometeuse a buscar financiamento para poder executar as obras canto antes, e por parte do Concello, os técnicos comezarán a traballar xa no proxecto definitivo da escola.

 

En canto á financiación, Perfecto Rodríguez explicou que a achega do Consorcio de Benestar «seguindo os parámetros marcados polo FEDER» (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) cos que se cofinancia a actuación, sería de 10.000 € por praza (610.000 € no caso de Salceda), quedando a cargo do Concello de Salceda a achega restante, que suporía en torno aos 200.000 €.

 

A necesidade dunha segunda escola infantil no caso de Salceda de Caselas está máis que xustificada, tendo en conta que para o vindeiro curso un cento de nenos e nenas se quedaron sen praza na escola existente na actualidade na Rúa Ador. Cabe lembrar que Salceda está á cabeza do País en canto á taxa de natalidade se refire, con máis de 100 nacementos por ano nos últimos anos, polo que as prazas existentes na actualidade, tanto públicas como privadas, se fan insuficientes para acoller toda a demanda.

 

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “A segunda escola infantil para o noso Concello debe ser atendida de xeito inmediato por parte do Consorcio de Benestar, pois a súa necesidade está máis que xustificada. Os nosos veciños e veciñas poden estar seguros/as de que seguiremos a traballar pola Salceda do “baby boom” e por conseguir os mellores servizos para os nosos nenos e nenas”

 

Gabinete de prensa, 7 de agosto de 2018