Esta semana, o Equipo de Goberno do Concello de Salceda de Caselas ven de manter unha xuntanza con representantes de diversos colectivos de discapacitados. O obxectivo era analizar temas relacionados coa accesibilidade nos espazos públicos, buscando o apoio e o asesoramento dos diversos colectivos. Na xuntanza estiveron presentes representantes de COGAMI, ACEESCA, ASEM, ADAPTA, e veciños e veciñas do Concello con mobilidade reducida que acudiron a título persoal.
Na xuntanza presentáronselles proxectos como as próximas humanizacións a levar a cabo no casco urbano, nas que se seguirá a ter presentes de forma especial ás persoas con mobilidade reducida así como a outros colectivos vulnerables (persoas maiores, bebés…)
Ademais, e aproveitando a xuntanza, expúxoselles a idea de realizar unha “San Silvestre” inclusiva o 30 de decembro, aberta a tódalas persoas que desexen participar, sen que a mobilidade reducida resulte un impedimento para facelo. O percorrido, duns 3 km, transcorrerá integramente polo casco urbano, garantindo a accesibilidade en tódolos puntos. As diferentes entidades presentes na xuntanza amosáronse ilusionados coa idea, e manifestando a súa intención de animar a participar na proba aos seus compoñentes, e ofrecéndose para colaborar en todo o preciso, tanto na preparación como no transcurso do evento.
Salceda de Caselas leva feito grandes avances en accesibilidade nos últimos anos, garantindo o acceso das persoas con mobilidade reducida a tódolos edificios municipais. Tamén nos espazos públicos (parques, beirarrúas…) se levan eliminado innumerables barreiras arquitectónicas, ó igual que se está a facer nos accesos a outros lugares de interese (igrexas, cemiterios…). Mención especial merece a rede de sendas fluviais creada polo actual equipo de goberno, nas que se coidou especialmente a accesibilidade e que son xa referente en todo o País. Tamén o CEP Altamira ven de converterse nun colexio totalmente accesible grazas ás ramplas construídas dende o Concello con colaboración da Xunta de Galicia, así como á instalación dun ascensor sufragado por exalumnos do centro e polo propio Concello.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “traballamos por construír a Salceda das persoas, onde todos e todas teñan cabida en igualdade de condicións. Agradecemos enormemente o traballo das diferentes entidades, o seu asesoramento e o seu apoio en diversas iniciativas. O Concello de Salceda de Caselas seguirá a traballar con todas elas na búsqueda dos mellores resultados”.