Carmela Silva, Presidenta da Deputación de Pontevedra, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Salceda de Caselas, onde foi recibida polo Alcalde, Marcos Besada, os concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e representantes dos grupos da oposición.
Na reunión de traballo que a Presidenta mantivo co Equipo de Goberno repasáronse os proxectos solicitados polo Concello de Salceda dentro do Plan Concellos 2016, comprometéndose por parte da Presidenta da Deputación de Pontevedra a que nun prazo breve de tempo estarían todos eles aprobados.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, aproveitou a xuntanza para trasladarlle a necesidade urxente de que a Deputación acometa obras de mellora na estrada EP-2505 que une Salceda con Caldelas. A solución proposta é a construción dunha rotonda e beirarrúas que permitan ou garantan a seguridade dos peóns, tendo en conta a existencia no entorno do Parque da Gándara, as Piscinas Municipais, o Campo de Fútbol, a área de autocaravanas e a Senda do Río Landres, o que provoca un elevado tránsito de persoas e vehículos. Así mesmo, o Alcalde lembroulle tamén á Presidenta a necesidade de solucionar o punto negro existente na estrada EP-2503, á altura do barrio da Lomba (Budiño).
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, salientou o feito de que por primeira vez a Deputación de Pontevedra estea presidida por unha muller, e agradeceu a visita institucional realizada por Carmela Silva. “Imos traballar conxuntamente coa Deputación nos vindeiros anos, para seguir a construír unha Salceda pensada para as persoas. Resulta fundamental a colaboración entre administracións no camiño de acadar os mellores resultados, e dende o Concello de Salceda non imos perder nin unha soa oportunidade de seguir a mellorar o noso municipio”.