A Concellaría de Deportes do Concello de Salceda de Caselas está a acometer estes días unha serie de obras de mellora no Pavillón de Deportes de Altamira, enmarcadas en diferentes liñas de axuda da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia.
Por unha banda, estase a proceder á reparación da cuberta do Pavillón Municipal, co selado da mesma e o cambio das pezas traslúcidas existentes. Con esta mellora, por un lado eliminarase o grave problema de goteiras que está a ter a instalación, e por outro ganarase en luminosidade, cun maior aproveitamento da luz solar e o consecuente aforro enerxético que isto supón. Esta acción, con un orzamento de 51.208,65 € está englobada no Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra, polo que será integramente financiada polo ente provincial.
Por outra banda, dentro das Subvencións a Concellos para infraestructuras, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, nos vindeiros días procederase á instalación dunha cortina separadora que permitirá un maior aproveitamento da pista deportiva, permitindo a realización de actividades simultáneas, algo que ata o de agora se facía imposible. Estamos a falar dunha cortina de poliéster recuberta en PVC con un tamaño de 24 x 13 metros, que permitirá dividir en dous a pista. Ademáis procederase ao cambio das portas interiores do edificio (baños, oficinas, vestiarios…), moi deterioradas polo paso dos anos. Neste caso o orzamento é de 24.115,30 €, dos cales o Concello vai asumir 8.171,30 € e a Xunta o resto.
Por último, as obras completaranse co proxecto para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, dentro das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para proxectos de aforro e eficiencia enerxética na administración local 2016, da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do INEGA. Realizarase o cambio das luminarias de todo o pavillón, tanto da pista deportiva como do resto das instalación, sustituíndoas por iluminación LED que permitirá unha considerable reducción na factura do consumo eléctrico. Para esta acción, cóntase con un orzamento de 21.387,19 €, dos cales o Concello asume 8.132,92 €.
Así, nun prazo de dous meses, Salceda contará con unhas instalacións deportivas reformadas. Lembremos que o Pavillón de Deportes é utilizado diariamente polo CEP Altamira, polas Escolas Deportivas Municipais e polos diferentes clubes deportivos, acollendo actividades diversas como baloncesto, balonmán, patinaxe, judo, bádminton, futbol sala…
Carla Pérez, Concelleira de Deportes: “Nun Concello dinámico como o noso resulta fundamental ofrecer as mellores instalacións para a práctica deportiva. Con estas melloras damos resposta ás demandas plantexadas polos clubes deportivos, facendo así que Salceda siga a ser referente no deporte en moitos outros Concellos”.
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Seguimos a traballar polos clubes e as asociacións. Eles realizan unha labor fundamental na nosa sociedade, sobre todo cos máis pequenos, e todos os esforzos son poucos para agredecerlles ese enorme traballo. As asociacións e os clubes do noso Concello saben que contan con nós para seguir a construír a Salceda que todos soñamos. Por nós non vai quedar”.
Gabinete de prensa, 3 de outubro de 2016