O Concello de Salceda de Caselas ven de iniciar a elaboración do II Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes 2019-2022, que estará subvencionado pola Deputación de Pontevedra. A redacción do Plan correrá a cargo de Laura Seara, quen foi directora do Instituto da Muller e Secretaria de Estado de Igualdade, ademáis de deputada do Parlamento Galego durante os anos de 2001 a 2009, polo que se parte con un amplo coñecemento sobre a materia que sen dúbida é garante dos mellores resultados.
Todo o Equipo de Goberno é consciente dos avances experimentados nas últimas décadas ao mesmo tempo que percibe inmensos obstáculos que aínda hoxe persisten e que impiden a participación e o acceso das mulleres á vida económica, social, laboral, cultural, educativa e política.
Co pulo a este II Plan Municipal de Igualdade o Equipo de Goberno de Salceda fai público o seu compromiso político para erradicar todas as formas de discriminación e violencia co fin de acadar unha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes desfruten das mesmas oportunidades para desenvolver as súas vidas.
Así, durante a súa elaboración non só se proporán as mellores accións senón que previamente, se contará cunha diagnose certeira sobre a situación das mulleres do Concello que permitirá, a través de diversas ferramentas participativas, acertar con ditas propostas de actuación. Para elo constituíuse un equipo promotor con presenza de persoal técnico e político do Concello, así como un equipo de traballo no que se conta coa presenza de representantes do tecido asociativo e educativo do Concello, así como das diferentes forzas políticas con representación no Concello. Os representantes sindicais do Concello, pola súa banda, rexeitaron participar na elaboración do Plan, algo incomprensible se temos en conta que un Plan de Igualdade pode supoñer importantes melloras para os empregados e empregadas públicas, melloras que por lóxica deberían estar coordinadas cos representantes sindicais, e que tras esta negativa serán acordadas no grupo de traballo por tódalas entidades alí representadas.
Tere Pérez, Concelleira de Igualdade: “estamos a falar dun documento flexible, unha folla de ruta que orientará as políticas municipais nos vindeiros anos cunha implantación que será responsabilidade principal do Concello, sabendo que o seu éxito dependerá en gran medida da implicación dos axentes sociais e económicos da vila, das súas organizacións e asociacións e, por suposto, de toda a cidadanía, nomeadamente as mulleres”
Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Somos conscientes de que estamos ante un reto importante que demanda esforzos para acadar un beneficio común irrenunciable. O Plan será unha ferramenta de acción política e cidadá que representará un novo tempo na abordaxe das políticas de igualdade en Salceda de Caselas”