O Concello de Salceda facilita os trámites relativos á Lei da Factura Electrónica

O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade en Pleno Extraordinario o regulamento que facilitará a tramitación de facturas de importe ata 5.000 €. O pasado 15 de xaneiro comezou a aplicación obrigatoria da Lei  de Impulso da Factura Electrónica e creación do rexistro Contable, pola cal todas as sociedades deben presentar as súas facturas ante as administración públicas obrigatoriamente por vía electrónica, a través do Punto de Entrada de Facturas Electrónicas (FACe). Este trámite, dunha relativa complexidade, dificultaba o proceso de facturación sobre todo ás entidades pequenas e asociacións sen ánimo de lucro, cunha capacidade limitada á hora de emitir este tipo de facturas. Por este motivo, e acolléndose á excepcionalidade que contempla a Lei, o Concello de Salceda aprobou o Regulamento que permitirá que as sociedades que teñan que emitir facturas por un importe inferior a 5.000 € poidan seguir a facelo do xeito tradicional, presentando a factura no Rexistro de Entrada do Concello.

Esta medida terá efectos unha vez rematado o periodo de exposición pública (30 días hábiles) e publicado no BOP.

Sen ir máis lonxe, varias asociacións culturais do municipio estaban a ter grandes dificultades para poder emitir a súa factura pola actuación feita recentemente na Cabalgata de Reis, polo que veñen de recibir esta mellora de xeito moi positivo.

Jose Luis González, Concelleiro de Facenda: “chega o momento de fomentar o acceso aos servizos de administración electrónica, fundamental nos tempos que corren. Sen embargo somos conscientes da complexidade que este sistema supón para algún dos nosos proveedores, polo que adoptamos esta medida que sen dúbida lles facilitará os trámites para que poidan seguir a traballar co Concello de Salceda”.

 

Gabinete de prensa, 29 de xaneiro de 2015