O concello de Salceda de Caselas, a través da súa Concellería de Emprego e Formación, ven de solicitar á Xunta de Galicia o obradoiro dual de emprego “Rehabilita Salceda” a través da convocatoria correspondente a este ano 2022.
Este obradoiro dual de emprego solicítase como programa mixto de formación e emprego que promovido polo concello de Salceda esta orientado a mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade. No mesmo alternarase a mellora da cualificación das persoas participantes e a adquisición de experiencia laboral para as mesmas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.
Dentro deste obradoiro se levarán a cabo as seguintes accións formativas, todas elas integradas dentro dunha única especialidade de albanelería deseñada para que se formen vinte alumnos e alumnas traballadores e traballadoras:
- Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción (EOCB0109), (certificado de profesionalidade completo), 360 horas.
- Fábricas de albanelería (EOCB0108), (certificado de profesionalidade completo), 410 horas
- Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas (EOCB0208), (certificado de profesionalidade completo), 320 horas
- Revestimentos con pastas e morteiros en construción (EOCB0210), (MF1938_2)
Estas accións formativas suman un total de 750 horas que se complementarán coas 870 horas de prácticas coas que contará o alumnado para adquirir experiencia laboral durante a súa formación.
A subvención solicitada á Xunta de Galicia para a realización do obradoiro “Rehabilita Salceda” ascende a 508.465,20€ que cubrirían o orzamento estimado para o seu desenvolvemento e cobertura de gastos de contratación de persoal de xestión, persoal docente e de apoio, contratación e pago do alumnado traballador participante e os gastos de funcionamento e xestión. O concello de Salceda aportará ao financiamento do obradoiro unha partida orzamentaria de 5.000,00€
Verónica Tourón alcaldesa e responsable da Concellería de Formación e Emprego “A solicitude dun novo obradoiro dual de emprego para este ano 2022, supón para o concello de Salceda un afianzamento das estratexias de promoción de emprego que se poñen a disposición da cidadanía é unha ferramenta para mellorar de forma continua as posibilidades de insertar laboralmente na nosa vila ás persoas que se atopan en situación de desemprego”.
Gabinete de prensa, 05 de abril de 2022