Desde o 2014 o concello de Salceda de Caselas formaba parte da rede de Aulas Auxiliares, pasando agora a ser titular da Aula Mentor, formando parte así da estruturaorgánica básica do Ministerio de Educación e Formación Profesional.
Dende o departamento de emprego do concello trabállase na liña de fomentar a igualdade de oportunidades no aceso á educación, polo que “consideramos importantísimo formar parte destes programas avanzados de educación a distancia, tanto de ensinanza regrada como non regrada”.
A Aula Mentor é un recurso que pretende impulsar e mellorar as competencias persoais e profesionais das persoas adultas, promovendo a cultura e a participación da cidadanía no uso sostible das Tecnoloxías da información e as comunicacións. Hai que destacar que é unha formación aberta onde non existen requisitos de acceso e proporciona unha oferta formativa de carácter non formal moi ampla que se adapta as necesidades de conciliación laboral e familiar da poboación adulta.
A Aula Mentor do concello ten as instalación físicas e o equipamento tecnolóxico no Centro de Desenvolvemento Local de O Torrón, co fin de dar soporte a esta formación a distancia. Ademais disporá de dúas persoas administradoras, que asistirán ás persoas usuarias nas necesidades telemáticas para a realización dos cursos, así como a orientación e información nos procesos de matriculación e a organización das probas de avaliación que serán presenciais.
O convenio asinado entre o concello e o Ministerio terá unha vixencia de 4 anos prorrogables.
Verónica Tourón, alcaldesa e responsable da área de Emprego e Formación, afirma que “as administracións públicas correspóndenos o deber de promover ofertas de aprendizaxe flexibles que permitan a adquisición de competencias básicas, obtendo as correspondentes titulacións, polo que está é unha oportunidade sobre todo para aquelaspersoas mozas e adultas que abandonaron ou tiveron que deixar o sistema educativo senningunha titulación.”
Gabinete de prensa, 3 de agosto de 2021