Os vindeiros dias 29 e 30 de setembro, o Concello de Salceda de Caselas acollerá o V CURSO DE MÚSICA E BAILE GALEGO. Esta edición, organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s en colaboración co concello, contará con catro especialidades: Percusión tradicional, impartido por Francisco Estévez “Chuco”, gaita, impartido por Suso Vaamonde, canto e pandeireta, impartido por María Vidal e baile tradicional, impartido por Francisco Feijoó “Xisco”.
Preto de 50 persoas asistirán ás distintas especialidades do curso que terán lugar nos locais da Escola de Música de Salceda, sita na Rúa Doutor Zunzunegui.
Tanto a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s como o Concello de Salceda saben que o futuro da nosa cultura, do noso patrimonio inmaterial e etnográfico (as nosas tradicións, a nosa música, a nosa lingua, o noso canto e baile), pasa inevitablemente pola transmisión destes coñecementos ás novas xeracións, para que saiban conservalos e respectalos, e aquí é onde xoga un papel importantísimo a realización de cursos como o que vai a ter lugar nesta fin de semana, un curso que oferta ensinanzas relacionadas coa cultura tradicional galega, para promover a súa conservación, divulgación e promoción.
Este curso, pretende atender ó grande interese que acada a aprendizaxe da nosa música tradicional, en particular as especialidades de gaita, percusión, canto e pandeireta e baile, con aulas nas que se compaxinarán os aspectos teóricos cos aspectos prácticos; o curso vai a ter unha duración de 16 horas repartidas entre o sábado e o domingo, con horario de clases de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e está dirixido a alumnado cunha base previa nas diferentes modalidades ofertadas, presentándose como unha ocasión única para perfeccionar coñecementos e técnicas.
Prazo de inscrición: ata completar as prazas.
Para realizar a matrícula no curso pódese descargar o boletín de inscrición en http://www.gaiteirosgalegos.gal/images/stories/files/fichainscricioncurso-rxpd_web.pdf ou solicitalo na AGG (secretaria@gaiteirosgalegos.gal – tlfs:986 847 074 – 982 229 966) e envialo debidamente cumprimentado xunto co xustificante do pagamento bancario á secretaria@gaiteirosgalegos.gal
Prezo curso:
40 € soci@s agg
45 € non soci@s
* con comida 60€ soci@s agg – 65€ non soci@s
Pagamento na conta:
ES75 2080 0165 7130 4001 9469
(indicar nome, apelidos e especialidade elexida do curso)
Prégase comprobar dispoñibilidade de prazas antes de facer o pago da inscrición.
Currículos mestres
PERCUSIÓN TRADICIONAL. IMPARTIDO POR FRANCISCO ESTÉVEZ “CHUCO”
Iniciou a carreira de percusión tradicional da man de D. Enrique Otero Covelo, na formación “Amieiros do Lagares”. Participou na Banda de Gaitas Raigames e no “Colectivo Paseniño”. Foi colaborador do gaiteiro “Ricardo Portela”, co que gravou o disco “Alborada en Cotobade”. Formou parte do grupo “Chouteira” e realizou numerosas colaboracións con grupos como Noitarega, Muxicas, Mattocongrio, Sondeseu, Begoña Riobó…
Foi mestre d aCentral Folque de Lalín, e impartiu clases en distintos colectivos e asociacións. Na actualidade imparte clases de percusión tradicional na e-Trad de Vigo.
GAITA. IMPARTIDO POR: SUSO VAAMONDE
Suso Vaamonde Manteiga é músico intérprete e mestre de instrumentos populares galegos.
Na actualidade imparte clases de gaita e percusión galegas, zanfona, acordeón, requinta, trompa, etc. en diversas Escolas dependentes de Asociacións Culturais ou Concellos (Lugo, Arcos da Condesa, Outes, Betanzos, Cuntis…).
Formou parte de grupos tan prestixiosos como Xacarandaina, Ballet Galego Rey de Viana, Leliadoura, Luvas Verdes, Cantata Vernácula, Trío Vaamonde, Lamas e Romero, Aires da Terra: o legado de Feijóo”…
Ten participado en máis dunha veintena de gravacións discográficas e publicado varias obras para gaita.
CANTO E PANDEIRETA. IMPARTIDO POR: MARÍA VIDAL
Licenciada en Historia da Arte. Comenza a súa andaina na música tradicional a finais dos anos 80.
A partir de entón, basea o seu traballo docente nun traballo de campo que aínda hoxe continúa xunto con Pichi Abollado.
Actualmente, é mestra de canto e percusión tradicionais en diversas asociacións: Seixebra de Moraña; Riscadela de San Xoán de Calo; Hai que Roelo de Cuntis; Trazantes de Tenorio; Trébede,…
Ademáis impartiu cursos nos centros galegos de Xenebra.
Colaborou en traballos discográficos con Rumbadeira, Ardentía e Pepe Vaamonde grupo.
Na actualidade, é a voz do proxecto As Cantigas de Elena que ten publicado o seu primeiro traballo discográfico.
BAILE TRADICIONAL GALEGO. IMPARTIDO POR: FRANCISCO FEIJOÓ “XISCO”
Mestre na Escola de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo “ETrad”.
Exdirector do Grupo para a recuperación de Bailes, Músicas e Cantares Tradicionais “O Fiadeiro”.
Coordinador da sección de canto e coreógrafo para a Orquestra Folk de Galicia “SonDeSeu”.
Vocalista, percusionista e bailador nas xiras de presentación dos discos “Volta” e “Sotaque” do gaiteiro Xosé Manuel Budiño. Vocalista de Pepe Vahamonde Grupo.
Actualmente está a xirar con “Son”, último espectáculo de “Nova Galega de Danza”.
Xurado do concurso “Punta tacón” 2013 e “Vai de Baile” 2017 do programa “Luar” da TVG
Máis información:
secretaria@gaiteirosgalegos.gal tlfs: 986 847 074 – 982 229 966