O Concello de Salceda contratará 24 persoas desempregadas ao longo do 2016

Un total de 24 veciños e veciñas de Salceda de Caselas contarán no 2016 cun contrato de traballo ao abeiro do programa de ‘Obras e Servizos de Competencia Municipal 2016’, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra e ao que se adheriu o Concello salcedense solicitando o máximo de postos permitidos para o seu caso.

Os contratos, de 35 horas semanais, terán unha duración variable de entre 6 e 2 meses, dependendo da praza da que se trate. Os postos ofertados son 5 peóns de limpeza, 5 peóns de albanel, 4 peóns de xardinería, 1 animador/a sociocultural, 1 orientador/a laboral, 2 auxiliares administrativos, 1 conductor, 3 monitores-socorristas e 2 auxiliares de policía.

As persoas interesadas deberán estar inscrita na Oficina de Emprego do Porriño e, entre as condicións imprescindibles, están as de non ser perceptores ou Perceptoras de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia (RISGA, RAI ou PREPARA) e posuír a categoría de oficial ou peón, segundo sexa necesario para o posto ao que opten.

Estas contratacións, segundo explicaba a concelleira de Emprego, Loli Castiñeira, cumpren o dobre obxectivo de, por unha banda, “aliviar a situación pola que atravesan moitas familias que teñen un ou varios dos seus membros en situación de desemprego” e, doutra banda, facer un servizo público “xa que desenvolverán labores de acondicionamento, limpeza e mellora das zonas medioambientais; conservación e mantemento das infraestruturas, e prestación de servizos básicos á comunidade”.

Loli Castiñeira suliñaba tamén o feito de que con estas contratacións realizadas coa colaboración da Deputación de Pontevedra, búscase “dar un mellor servizo aos veciños e veciñas en distintos eidos”, tanto no que fai referencia ao mantemento e mellora de infraestructuras “como no que respecta a poder ofertar actividades que melloren o benestar da veciñanza”.

A responsable de Emprego do Concello de Salceda de Caselas, suliñaba, por último, a importancia que ten “o feito de que estas persoas poidan adquirir unha experiencia profesional que lles permitirá mellorar a súa capacidade de inserción no mercado laboral”.

 

Gabinete de Prensa, 30 de decembro de 2015