O Concello de Salceda coloca paneis interpretativos coa historia da Raíña Aragonta

O Concello de Salceda de Caselas ven de colocar cadanseus paneis interpretativos no entorno da Igrexa de Santa María e do Parque Raíña Aragonta, contando con financiamento da Deputación de Pontevedra a través da liña de axudas para a sinalización do patrimonio histórico e cultural e a memoria histórica. O ente provincial concedeulle ao Concello para este proxecto a cantidade de 2.520,30 €. Os paneis recollen, por unha das súas caras, a historia da Raíña Aragonta, e pola outra fan referencia á Igrexa e Mosteiro de Santa María.

Aragonta González era unha nobre galega que no ano 922 casou con Ordoño II, aínda que o seu matrimonio tan só durou un ano. Aragonta, repudiada polo seu marido, funda o mosteiro de Saliceta, sobre o cal, no ano 1769 se reedificou a que hoxe é a Igrexa de Santa María de Salceda.

Coa colocación destes paneis, o Concello de Salceda pretende dar a coñecer esta parte importante da súa historia, asi como facilitarlles a veciños e visitantes unha nova ferramenta para coñecer os elementos do patrimonio existentes no municipio.