O Concello de Salceda adquire a antiga Cámara Agraria

O Concello de Salceda de Caselas ven de pechar o acordo de compra do edificio da antiga Cámara Agraria coa Xunta de Galicia, actual propietaria do inmoble. Trátase dun edificio de 137,50 m2, ubicado nun de 256 m2 no barrio de Altamira, valorado pola Consellería de Facenda en 55.509,57 €, prezo polo que agora se vende ao Concello de Salceda de Caselas nun proceso de adxudicación directa. O pagamento do edificio farase de xeito aprazado por un período de dez anos con un interese do 4%.

O edificio fora desafectado de uso público e cedido en uso ao Concello de Salceda no ano 1997, polo Decreto 303/1997 de 23 de outubro, que establecía a cesión das distintas Cámaras Agrarias, entre elas a de Salceda de Caselas, destinado a fins e servizos de interese xeral agrario por un período de dez anos, caducando dita cesión no 2007. Por aquel entón, o Delegado de Medio Rural Gonzalo Constenla acordara co Alcalde Marcos Besada non renovar dita cesión, comprometéndose a Consellería a rehabilitar o edificio como sede para a Concellaría de Medio Rural, Mancomunidade de Montes e Protección Civil, e cederllo ao Concello. Con este obxectivo elaborárase xa un anteproxecto valorado en 185.901,80€. Sen embargo, tralo cambio de goberno na Xunta e a entrada do Partido Popular o acordo non se levou a cabo. Agora, coa compra do edificio, o Concello poderá destinalo ao uso que estime mais adecuado.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Solucionamos un problema histórico recuperando un edificio en desuso que os veciños e veciñas de Salceda consideran de patrimonio municipal pero que na actualidade é propiedade da Xunta, e ademáis cun uso restrinxido unicamente ao interese agrario.  Queremos recuperalo para uso e disfrute do pobo de Salceda e poder empregar este histórico edificio para outros usos como os socioculturais ou educativos”

 

Foto: Marcos Besada, Gonzalo Constela, Fortunato Álvarez e Cándido Lorenzo ante o edificio da Cámara Agraria no 2007.