O Pleno do Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar en sesión extraordinaria as novas condicións do financiamento do crédito de pago de facturas a proveedores que rebaixa sustancialmente os custes nos pagos de intereses. O crédito mantíñase dende o ano 2012 coas condicións fixadas dende o Goberno Central, que lles negara aos Concellos a posibilidade de negociación das mesmas.
Unha vez que por fin se conseguiu que fosen os Concellos os que renegociasen o préstamo, a Concellaría de Economía e Facenda, dirixida por Jose Luis González, convidou a cinco entidades bancarias a presentar ofertas que mellorasen as condicións financieiras co fin de reducir o tipo de interese aplicado á operación de crédito bancario.
O resultado da negociación acadou un resultado satisfatorio para as arcas municipais, conseguindo unha rebaixa do tipo impositivo de máis dun 350%, pasando dun interese inicial de Euribor+525 puntos a Euribor+137 puntos, o que equivale a un aforro anual medio de 12.000 euros, concentrado principalmente nos primeiros anos. Así, no ano 2015 acadarase un aforro de 22.000 euros.
Jose Luis González, Concelleiro de Facenda, xunto co Alcalde e demáis Concelleiros/as de goberno, xa se amosaran contrarios ao excesivo interese bancario que o Ministerio de Facenda impuxo inicialmente aos Concellos, posto que asignaba a entidade financieria e as condicións nas que se debía asignar a operación de crédito sen opción a negociar. Ademáis, cabe lembrar que nesa época (febreiro 2012) o Estado estaba inxectando diñeiro público aos bancos, e estes prestábanllo aos Concellos con uns intereses arredor do 6%.
O baixo nivel de volume de débeda do Concello de Salceda de Caselas, situado nun 36% dos ingresos liquidados polo Concello nun ano, fixo que as entidades bancarias, tras avaliar e analizar a situación económica do Concello se interesasen por ofertar mellores condicións no tipo de interese bancario, que repercute nun aforro económico para a Administración.
José Luis González, Concelleiro de Economía e Facenda: “ O ter un nivel de endebedamento municipal reducido permítenos sentarnos a negociar en mellores condicións coas entidades financieiras e conseguir reduccións do tipo impositivo que repercuten nun aforro sustancial para as arcas municipais.”
Marcos Besada, Alcalde de Salceda, “Sentímonos estafados dende o ano 2012 polas imposicións do Goberno Central. Agora demostrase que respetando a Autonomía dos Concellos era posible conseguir condicións moito máis vantaxosas para as Administracións Locais e, en consecuencia, para toda a cidadanía”.
Gabinete de Prensa 20 de Outubro de 2014