O Concello achega a micoloxía aos máis pequenos

Cumprindo con unha tradición que se remonta anos atrás, o Concello de Salceda de Caselas ofrece charlas informativas sobre a micoloxía aos nenos e nenas do CRA Raíña Aragonta. Marcos Besada, Alcalde de Salceda, e Carla Pérez, Concelleira de Medioambiente, foron os encargados de impartir estas charlas para, dun xeito ameno e divertido, explicarlles os tipos de cogumelos que se atopan polo entorno dos mesmos colexios, así como as diferencias existentes entre eles. Os nenos e nenas non deixaron de facer preguntas e de sorprenderse coas innumerables “curiosidades” que lles foron presentando.

Nesta edición o programa desprazouse ás aulas das parroquias de Soutelo e Entenza, así como a varias aulas da sede do CRA Raíña Aragonta. Tendo en conta a enorme tradición que existe en Salceda no que se refire ao mundo da micoloxía, con exemplos como a Festa dos Cogomelos que cada ano organiza a asociación xuvenil A Turonia de Entenza, son moitos os cativos con coñecementos en micoloxía, establecendo así interesantes conversas entre cativos e poñentes. Marcos e Carla incidiron fundamentalmente na importancia de estar sempre acompañados de un adulto para coller algún cogomelo, advertindo aos nenos e nenas sobre os perigos de collelos sen os coñecementos precisos.

Por outra banda, nas charlas búscase concienciar aos cativos sobre a importancia do coidado do medioambiente, así como inculcarlles o respeto cara o mesmo.

Teresa Pérez, Concelleira de Ensino: “seguiremos a facer propostas que acheguen aos máis pequenos ao que lles rodea. Temos que agradecer a boa acollida que teñen sempre este tipo de propostas por parte do profesorado dos diferentes centros, establecéndose un clima de colaboración constante entre o Concello e os centros educativos”.

Marcos Besada, Alcalde de Salceda: “Defendemos un ensino público e de calidade, e seguimos a poñer o noso granciño de area na procura dese obxectivo. Sempre é un pracer traballar cos máis cativos e ver a enorme gratitude que amosan e o cariño co que nos reciben en cada unha das aulas”.